Un protector solar con propiedades coralinas

4 Xaneiro 2012
coral

Un grupo de investigadores británicos descubriron como os corais producen compostos naturais de protección contra os fortes raios ultravioleta do sol das zonas tropicais. Ata o de agora, xa se sabía que estes animais e algunhas algas elaboran os seus propios protectores solares pero non se sabía como o facían.

Os científicos, que recolleron mostras da Gran Barreira Coralina, comezaron a estudar todos os procesos xenéticos e bioquímicos da produción destes compostos, e esperan poder recrealos no laboratorio para empregalos no desenvolvemento dun tipo de protector solar que sexa aplicable ás persoas.

As algas que viven dentro dos corais elaboran, mediante a fotosíntese, o alimento para o coral. As substancias de refugallo destes e a luz solar son imprescindibles para levar a cabo a fotosíntese, razón pola cal deben vivir en augas pouco profundas e, polo tanto, son máis propensos a sufrir queimaduras.

Ademais descubriuse que esas algas son as que producen un composto que, ao parecer, é transportado ao coral, quen o modifica ata convertelo no protector solar. Isto beneficia ós dous seres vivos e incluso a outros animais, como os peixes que se alimentan dos corais, xa que a substancia pasa á cadea alimentaria.