Prohibido ouriñar na piscina

6 Outubro 2014
piscina

Aínda que dende pequenos fixéronos ver que ouriñar na piscina era de moi mal gusto, co paso dos anos, a maior parte das veces por comodidade, a xente continúa sen saír da auga para facelo. Pero un estudo recente demostra que este malo costume non só é unha falta de educación, se non que ademais pode chegar a ser moi prexudicial para a nosa saúde.

Un estudo realizado pola Sociedade Americana de Química (ACS) revela que o cloro que se emprega para desinfectar a auga das piscinas, ó combinarse co ácido úrico presente na suor e nos ouriños, orixina dúas substancias tóxicas: o cloruro de cianóxeno, que no pasado chegou a usarse durante a guerra química e que da lugar a problemas pulmonares, e a tricloramina , que ademais de prexudicar ó sistema respiratorio e producir irritacións na pel e nos ollos, tamén é capaz de ocasionar danos no corazón e no sistema nervoso central.

Os científicos aclararon que, por suposto, nas piscinas non se acumula suficientes ouriños e cloro como para producir os niveis xerados nunha guerra química, pero algúns usuarios si poden atoparse mal ou sufrir irritacións despois de estar expostos a estas mesturas nocivas, e incluso se coñecen casos de persoas que enfermaron cuns síntomas moi semellantes ós que se producen por envelenamento por cloruro de cianóxeno ou tricloramina.

Así mesmo, outro estudo levado a cabo por científicos españois do CSIC e do Hospital do Mar apunta que unha longa exposición a estes compostos xerados nas piscinas pode aumentar o risco a sufrir determinados tipos de cancro.

En calquera caso, xa sexa por educación ou por medo a posibles problemas de saúde, o mellor continúa a ser saír da piscina cando nos entren ganas de ouriñar.