Profes por terra mar e aire. Manolo Mira, aviador
Con estas entrevistas iniciamos unha serie de artigos nos que pretendemos recoller experiencias, opinións e traballos dos nosos profesores e profesoras. Investigamos e curioseamos nas súas vidas para saber en que ocupan o seu tempo libre, farémoslles preguntas e tentaremos que nos acheguen parte dos seus traballos e das súas experiencias.
Animámosvos a todos os que esteades interesados a que fagades artigos deste tipo contando as vosas aficións, as dos vosos amigos e amigas, familiares, profesores...
Para comezar a serie ocurríusenos unha entrevista triple, que por problemas de espazo poremos en tres artigos separados. Un profesor de Matemáticas mergullador, un profesor de Filosofía aviador e unha profesora de Ciencias Naturais correcamiños.
Entrevista a Manolo Mira, profesor de filosofía e aviador
Traballa no IES Francisco Asorey como profesro de Filosofía e nas fins de semana, ou cando ten tempo libre, pilota avións.
-Que estudaches?
Filosofía e aeronáutica.
-Como comezou a túa aficción a voar?
Cando era neno, con 10 anos, xa me gustaban moito os avións e quixen estudar para ser piloto, pero non puiden porque era moi caro, naqueles tempos os meus pais non me podían pagar as matrículas nos cursos.
-Que hai que estudiar para ser piloto?
Hai que facer como mínimo bacharelato e selectividade. Precisas saber algo de inglés (os exames de comunicación son en inglés), e logo tes que facer cursos de principios de voo, instrumentos, carga e centrado, performas, metereoloxía, navegación, dereito aéreo e comunicacións.
-Canto tardaches en aprender a voar?
Dous anos en aprender, teórica e practica.
Preciso un mínimo de 45 horas de voo, pero téñoas repartidas en sesións de 30 minutos.
-Que é o máis dificil de aprender:
Primeiro a despegar, logo a manterte no aire e depois a aterrar.
-Que características debe ter un piloto?
Ninhunha en especial. Pero necesita ser tranquilo e sereo.
-Voas con avións moi grandes ?
Non,non voo con avións moi grandes, o meu máximo foi con un avión de 8 prazas (12 metrosde envergadura). Pero a miña titulación permíteme voar con calquera tipo de avión.
-Cal foi o teu voo máis longo?
A Madrid.
-E o máis perigoso?
Cando fixen un curso de acrobacia en Sabadell (Cataluña).
-Cal foi o voo no que mais gozaches?
Pois nese mesmo curso de acrobacia, é moi emocionante cando pilotas o avión boca abaixo.
-Algunha anécdota?
Cando estaba a facer a licencia de piloto, nunha ocasión o instrutor apagoume o motor do avión e obrigoume a volver a acendelo. Máis tarde, chegando ao aeroporto, volveu a apagarmo e aterrei co motor apagado.
-Un dito entre pilotos?
Unha boa aterraxe é cando baixas do avión a pé. E unha aterraxe perfecta é cando baixas polo teu pé e ademais o avión pode volver a despegar.
-Cal é a paisaxe de Galicia que máis che impresionou desde o aire?
O que máis me gusta de Galicia desde o aire é a Ribeira Sacra e toda a costa galega. Pero se teño que esoller, sen dúbida o máis bonito son as Rías Baixas, en xeral, e a ría de Arousa en particular.