Profes por terra, mar e aire. Adela Leiro, correcamiños

Entrevista a Adela Leiro, profesora de Ciencia Naturais e escritora
5 Decembro 2012
Adela

Adela Leiro Lois é mestra, vive en Cambados e da clases de Ciencias Naturais no IES Francisco Asorey desde hai 14 anos.

-Que estudaches?

Maxisterio, especialidade en Ciencias Naturais e Plástica.

-Como comezou a túa afición a facer rutas?

Sempre me gustou andar ao aire libre e sempre fun moi curiosa. Gústame explorar e descubrir sitios novos.

-Por que te dedicas a camiñar?

Por placer. Cando camiñas descubres un detalle a cada paso, pódeste parar a observar as plantas, os animais, as rochas, a paisaxe. Sentes a satisfacción de chegar aos sitios co teu esforzo. Ademais consigo información para os meus libros e a miña páxina web, e moito material para as clases. Teño visitado (a pé, en coche ou en barco) todos os concellos e a maioría das serras, os ríos, as costas, as illas... de Galicia; ademais fixen algunhas viaxes a outros países.

-A túa camiñada máis longa?

A subida a Pena Trevinca (28 km)

-A máis perigosa?

Unhas cantas, sobre todo cando vou a algunhas fervenzas polos canóns dos ríos, o terreo é moi perigoso, hai que escalar, andar por riba das pedras, achegarse a algún precipicio ou cruzar ríos.

-A ruta na que máis gozaches?

é dificil escoller unha. Todas teñen algo interesante. Vou dicir a das Illas Galápagos. Podías andar por entre os animais (aves, iguanas, lobos mariños, tartarugas...) con total tranquilidade. Non teñen medo da xente e déixanse observar mantendo unha moi curta distancia de respeto mutuo.

-A paisaxe de Galicia que máis che gustou?

Moitas. Por poñer dous exemplos: o monte Pindo, Trevinca...

-Algunha anécdota?

Unha vez ía andando pola beira dunha fervenza, falloume o terreo e caín ao río. Tiven a sorte de cair de pé, suxetei a cámara para que non se mollara e perdín as gafas, ademais da molladura nunha mañán de marzo. Algunhas veces (indo co meu home) preguntamos a algún paisano por un camiño para chegar a algún sitio e recibimos respostas curiosas como “vostede pode chegar alá... pero a súa muller non creo (penso que me ven vella, gorda ou reumática)”. A resposta que lle damos é que a onde no da o corpo, dá o xenio.

Adela-1