Premio Nobel de Química 2011

2 Decembro 2011
Nobel Química 2011

A Real Academia de Ciencias de Suecia nomeou ao científico israelí de setenta anos Daniel Shechtman gañador do Premio Nobel deste ano polo descubrimento dos cuasicristais.

Este descubrimento alterou a concepción dos químicos sobre a materia sólida.

O 8 de abril de 1982, Shechtman observou a través do seu microscopio electrónico unha imaxe en contra das leis da natureza. En toda a materia sólida críase que os átomos formaban cristais con patróns simétricos que se repetían periodicamente e que a repetición desta simetría era necesaria para obter os cristais. A imaxe de Shechtman amosaba que os átomos dos seus cristais formaban un patrón que non podía ser repetido. Nun primeiro momento o seu descubrimento non foi moi aceptado dentro da comunidade científica, pero finalmente víronse obrigados a reconsiderar a  sua concepción da materia solida.

Algúns mosaicos, como os que se atopan na Alhambra  de Granada, axudaron aos científicos a entender a apariencia dos cuasicristais a nivel atómico. Nestes mosaicos, como nos cuasicristais, os patróns son regulares pero nunca se repiten.

Cando os científicos describen os cuasicristais de Shechtman utilizan un concepto que provén das matemáticas: o número áureo. Este número xa chamara a atención dos matemáticos na Antiga Grecia, xa que aparece con frecuencia en xeometría. Nos cuasicristais, utilízase para relacionar as distancias entre átomos.

Tralo descubrimento de Shechtman, os científicos produciron outros tipos de cuasicristais en laboratorios e tamén se descubriron cuasicristais nalgunhas mostras de minerais dun río en Rusia. Unha compañía sueca tamén atopou cuasicristais nun tipo de aceiro, onde os cristais reforzan o material coma se fose unha armadura. Na actualidade, estase a experimentar co uso de cuasicristais en diferentes produtos, como os motores diésel ou tixolas.