Porque a nosa voz non soa como a escoitamos?

28 Xuño 2013
voz-mans

A razón é ben sinxela. O son pode chegar ata o noso oído interno por dous camiños distintos. Os sons  transmitidos polo aire son levados a través da canle auditiva externa, o tímpano e o oído medio ata a cóclea (espiral chea de líquido que está no oído interno).Os sons transmitidos  por vía ósea chegan ata a cóclea directamente, a través dos tecidos da cabeza.

Cando falamos, a enerxía sonora difúndese polo aire e chega ata a cóclea a través do oído externo, por conducción aérea. Pero o son tamén viaxa de forma directa dende a cordas vocais e outras estructuras ata a cóclea, e as propiedades mecánicas da cabeza reforzan as vibracións de baixa frecuencia, de tons máis graves.

A voz que escoitamos cando falamos é a combinación do son transmitido por ambas vías.

Cando escoltamos a gravación da nosa voz, elimínase a senda de conducción ósea, que nos consideramos parte da nosa voz, e só oímos a parte transmitida polo aire, que non nos é familiar.

Podemos experimentar o efecto contrario tapando os oídos, co que só escoitaremos as vibracións conducidas polos ósos.

Algunhas persoas teñen anomalías no oído interno, que intensifican tanto a sensibilidade ao compoñente de transmisión interna, que o son da súa propia respiración resúltalles agobiante e incluso poden chegar a oír o movemento dos seus ollos nas órbitas.