Pontevedra recibe o premio Intermodes polo seu proxecto de mobilidade

Móvete coa túa propia enerxía. Mellór a pé
4 Febreiro 2013
Móvete

Intermodes (un organismo da Comunidade Europea) acaba de facer público a concesión do premio a Pontevedra polo proxecto Metrominuto, “Móvete coa túa propia enerxía”, como recoñecemento a un modelo urbano basado na mobilidade sustentable.

O premio será entregado o 6 de febreiro no Congreso Intermodes que se celebrará no Auditorio Internacional de Bruxelas e que será inaugurado polo ministro de transportes da República de Irlanda, Leo Varadkar, coincidindo coa presidencia semestral de Irlanda na Unión Europea.

Pontevedra é a primeira cidade que é premiada polo seu modelo urbano: pola accesibilidade, mobilidade peonil, seguranza viaria… Segundo o alcalde, Miguel Fernández Lores, “este premio é un recoñecemento de moitos anos, de moitos técnicos, de moitos políticos, de moitas persoas que axudan e axudaron a construír esta cidade, con amor a Pontevedra, unha cidade para todos, especialmente pensada para as persoas que teñen máis dificultade para desplazarse”… “debe ser motivo de orgullo para os pontevedreses”… “ é un estímulo máis para traballar nesta liña como ata o de agora”.

Intermodes é unha axencia europea, enmarcada dentro do Padroado do Comité das Rexións da Unión Europea, que reúne a todos os profesionais do sector da mobilidade (autoridades, fabricantes, transportistas, asociacións, investigadores,...).

Cada ano celebra unha convención na que se aborda a problemática da mobilidade de grandes e pequenas urbes, así como solucións en marcha e modelos testados. Tamén se entrega un premio á mellor política de transporte intermodal de pasaxeiros. Neste caso, Pontevedra foi escollida por dispor o primeiro mapa pedestre europeo: o Metrominuto, resultado dunha política de anos de priorizar o mobilidade peonil para a creación dunha cidade para os cidadáns.

metrominuto