Como podo perder peso?

3 Outubro 2011
peso

Estudios feitos recentemente confirman que un 87% da poboación non está conforme co seu corpo e desexaría perder uns cantos quilos, pese a que soamente un 37% destas persoas teñen realmente sobrepeso.

Na sociedade de cambios na que vivimos, a expresión que Rubens fixo da fermosura nas súas tres gracias queda xa moi distorsionada. Pois os canons de beleza cambiaron, tendo como prototipos de persoas con “corpo dez” a modelos de brazos e pernas de arame.

Realizar unha dieta non é tarefa fácil, pois esixe unha gran capacidade de autocontrol e forza de vontade. Os mellores pasos que se poden seguir para perder peso son un asesoramento inicial, o autocontrol, os grupos de axuda e o control dos impulsos.

Asesoramento inicial:

O primeiro que se debe facer antes de decidirse a realizar unha dieta, é informarse e preguntar tanto a un médico como a unha enfermeira ou a un nutricionista. Pois o organismo de cada persoa é diferente e polo tanto, as dietas teñen que ser individuais e personalizadas para ser así máis efectivas e doadas de levar.

Autocontrol:

Como en calquera outra iniciativa que se leve a cabo, realizar unha dieta implica tempo e constancia para obter bos resultados. Estos resultados non son instantáneos, se non que aparecen a longo plazo e en cantidades minúsculas. O sacrificio sen acadar prácticamente resultados visibles convértese nunha tortura e acaba facendo que se deixe a un lado a dieta. Para non chegar ata estos extremos, é necesario que a persoa que segue unha dieta vaia anotando diariamente os avances que realizou, tales como a cantidade de tempo que se fixo exercicio, os quilos que pesa cada día, a cantidade de comida que se inxire…

Grupos de axuda:

Os investigadores sinalan que as reunión e as agrupacións de persoas que sofren dun mesmo mal axuda a que non se sintan excluídos. Ademáis de facer máis levadeira a dieta e de poder preguntar calquera dúbida que se teña así como buscar a solución máis axeitada. Os grupos non teñen que ser soamente para falar, tamén pode haber grupos para facer exercicio ou mesmo un grupo virtual.

báscula

Cambios de comportamento:

Como xa se explicou no apartado de autocontrol, realizar unha dieta require de tempo e de paciencia, non se pode pretender conseguir resultados milagrosos nunha semana de dieta. Para facela máis levadeira e á vez obter mellores resultados e sobre todo, que perduren máis alá do remate da dieta, é necesario comezar cambiando pequenos detalles da forma de vida. Como coller a bicicleta en vez do coche en traxectos curtos, absterse de tomar sobremesa, non tomar alimentos prefabricados…

Todos estes puntos que vimos son moi importantes a seguir para realizar unha dieta sana e efectiva. Pero non debemos obsesionarnos cun peso ideal, pois o mellor peso ao que podemos obtar é aquel co que un se sente cómodo, sen ter en conta as visións alleas.