Physalias nas praias do Grove

O temporal achega carabelas portuguesas, unha especie velenosa, semellante ás augamares.
8 Febreiro 2014
physalia-A Lanzada

Ver a noticia no xornal despertou a miña curiosidade e, aproveitando a tregua entre cicloxéneses que nos ofreceu o tempo este sábado 8 de febreiro pola mañán, achegámonos á praia de Raeiros, a primeira que se atopa pasada a Lanzada cara a San Vicente, e, para a miña sorpresa, foi entrar no areal a atopar xa a primeira, non atopamos máis no resto da praia, e á volta xusto ao pé de onde atoparamos a primeira había dúas máis. Tres exemplares en menos de 10 metros!

A primeira parte do obxectivo xa estaba cumprida: atoparamos as Physalias. A segunda, aínda que xa sabía algo por telo lido en guías e artículos de revistas, foi facer o traballo de busca e investigación para completar a información,.

A carabela portuguesa, fragata portuguesa, augamá, botella azul ou falsa medusa, (Physalia physalis)

As physalias non son unha augamar nin unha xureleira típica, non son un individuo. As physalias son unha colonia de pólipos diferenciados e altamente especializados. A parte máis visible é o neumatóforo oco, cheo de aire, que sobresae da auga e permite que o resto da colonia sexa empurrada polo vento, mentras se mantén mergullada, preto da superficie. Nesta colonia atópanse pólipos especializados na captura das presas, os dactilozoides, son os máis longos; na dixestión das capturas, os gastrozoides; e pólipos reproductores ou gonozoides.

As physalias viven en augas tropicais e subtropicais de todos os océanos. Son carnívoras. Capturan, paralizándoos coa toxina que segregan os seus tentáculos, pequenos organismos acuáticos: plancto e peixes. Pero á súa vez son víctimas de algunhas tartarugas mariñas e sobretodo dun nudibranquio mariño o Glaucus atlanticus e a caracola peláxica Janthina janthina.

depredadores de Physalia

Por que hai que tomar precaucións coas Physalias.

Porque as pequenas cápsulas, cnidocitos, que teñen nos tentáculos para capturar as presas segregan, ao contacto ou por inxección, unha toxina; e cando esta toxina entra en contacto coa pel das persoas produce unha intensa dor que, ademais ao ser neurotóxica e cardiotóxica, pode chegar a ter consecuencias fatais.

Ao ser un organismo colonial os pólipos que o forman non morren ao chegar á  praia senón que manteñen a súa actividade durante varios días, e máis dunha semana, se dispoñen de humidade,

Por que chegan á costa galega.

Porque a pesar de ser propias de augas tropicais e subtropicais como non dispoñen de órganos de dirección nin de control do movemento, son arrastradas polo vento, e cando se dan as condicións axeitadas, ventos fortes e constantes do oeste e do suroeste,  poden chegar, ocasionalmente, ás nosas praias exteriores.