Pel de araña

2 Marzo 2012
araña

O fío de seda que tecen as arañas ten unhas propiedades físicas abraiantes. Ten a fortaleza do aceiro e cinco veces máis resistencia que o material utilizado nos chalecos antibalas, o Kevlar. Ademais disto, ten outras características moi importantes: é biodegradable e favorece o crecemento celular.

Todo isto fai da arañeira (concretamente do xénero Nephila) un medio moi apropiado para producir pel artificial adecuada para implantarse en persoas con queimaduras graves.

O proceso consiste en extraer células de pel sá do paciente, cultivalas nunha malla fabricada con esta seda e, tras obter o suficiente tecido, implántalo nas zonas con queimaduras.

Despois de cumplir a súa función, servir como soporte para cultivar pel, o fío degrádase e só quedan as células de pel que foron implantadas (é biodegradable).

Tras este e outros proxectos, a seda artificial estase a converter nunha liña de investigación importante. Pero este material (natural) foi utilizado en medicina dende a Antigüidade. Os gregos facían cataplasmas con arañeiras para deter as hemorraxias. Tamén foi utilizado para fabricar redes de pesca ou sedelas para peixes pequenos.

Agora, o desafío é poder construir a nivel industrial un composto sintético capaz de imitar as propiedades da seda destes arácnidos. Isto débese a que non sería posible económicamente recoller o material deste tipo de arañas. As aplicacións deste tecido serían moitas, e mesmo chegaría a facerlle a competencia ao Kevlar, se se consegue fabricalo a gran escala. Por isto, chegouse a investigar un composto de fío de araña para facer tecidos anti-balas.