Paxareando pola enseada do Vao
Enclavada na ría de Arousa, no seu extremo SW, atópase unha xoia da natureza: a enseada do Vao, que vai dende a illa da Toxa, ata o esteiro do río Umia.
Esta enseada constitúe unha das áreas xeográficas cuxo patrimonio natural de flora e fauna, sobre todo ornitolóxica, convértena nunha das zonas máis ricas e interesantes non so a nivel galego, senón tamén peninsular.
Na enseada do Vao a configuración física da súa costa, protexida e de gran diversidade (formada por praias, badías, carrizais, lagoas litorais, dunas, rochedos, illotes e illas), así como a entrada de nutrintes mariños e de nutrintes que aportan os ríos Umia e Chanca, que permiten un fluxo de fitoplancto, ademais da pouca profundidade das súas augas, que fan que se descubran ricos bancos de area, extensos intermareais lamacentos y praderías de zostera, todo elo favorece a gran riqueza mariña e polo tanto a cantidade y variedade de aves da que e tan famosa.
De aí que sexa o lugar más importante de Galicia e un dos máis importantes de España en
invernada e paso migratorio do espectacular cullereiro (Platalea leucorodia), ademais de ser visitada regularmente por unhas 12.000 aves acuáticas que fuxen dos fríos da Europa do Norte e que no seu paso migratorio cara a África, atopan aquí un refuxio onde pasar o inverno sen ir tan lonxe. Causa pola que fai anos foi declarada espazo protexido, abalado por varias figuras de protección: LIC, ZEPA, Ramsar, Humidal protexido...
Nun percorrido polo entorno da enseada e coa marea idónea, atoparemos números moi elevados de limícolas como gavitas, píllaras, pilros, virapedras, biluricos, agullas, mazaricos, píldoras, avefrías… e que poderemos gozar moi cerca desde as casetas ornitolóxicas que a rodean.
A nivel galego destaca tamén pola súa abundancia en anátidas como o asubión e o fermoso parrulo rabilongo, ademais de cercetas, patos frisados ou patos culleretes.
Son moi destacadas as concentracións de ardeidos como a garza real ou a garzota e de gaivotas, ata sete especies, subraiando as escasas gaivotas canas, as cabecinegras e o enorme gaivotón, a gaivota máis grande do mundo e que ten aquí unha das mellores zonas de España de concentración.
Nos campos e masas arbóreas que rodean a enseada viven paseriformes (ou paxariños), como a laverca, o pardal montés ou a escribenta das canaveiras, especie que se atopa en perigo. E nas lagoas destes campos, que teñen a súa orixe na antiga industria de extracción de barro, é posible divisar especies relacionadas co medio lacustre: galiñolas negras, galiñas de río, rascóns o mergullóns pequenos.
As aves rapaces como o lagarteiro, o falcón peregrino ou a tartaraña das xunqueiras, tamén teñen aquí a súa zona de campeo.
E xa que estamos no Vao, non podemos esquecer mirar ao mar, ao outro lado da enseada, cara un lugar que merece especial atención: a baía da Lanzada. Resgardo elixido nos meses fríos por aves de procedencia tan lonxana como as islandesas mobellas grandes, grupos de pentumeiros, carolos, carráns, mascatos, mergullóns de pescozo negro e ata algunha palleira grande, así como os nosos corvos mariños cristados.
No verán, a baía serve de despensa aos furabuchos baleares (endemismo español que está en perigo crítico de extinción). Por outra banda nas súas praias aniñan as píllaras das dunas, especie moi delicada e catalogada como vulnerable, e que de todo o norte peninsular só cría nos areais galegos. Tamén os arroaces son habituais nestas augas.