Un paso máis para os astrónomos
Nos seus desexos de explorar o Universo, os astrónomos necesitan telescopios cada vez máis grandes. Despois de décadas desde que se anunciou, e anos de retraso na súa implementación, finalmente arrancou, na cima do volcán Mauna Kea, na illa de Hawai, a construción dun dos telescopios máis avanzados e grandes do mundo, o TMT ( Thirty Meter Telescope) ou Telescopio de trinta metros.
O arranque da construción estaba prevista para o pasado mes de abril, pero os habitantes rexeitaron o proxecto xa que as montañas son consideradas sagradas e esta construción atenta contra as súas crenzas. Inclusive durante a cerimonia que se celebrou para anunciar o inicio do traballo, centos de manifestantes bloquearon o acceso á montaña, o que retrasou o anuncio.
O telescopio TMT ten un amplo campo de visión, composto por 492 lentes de forma hexagonal, un espello primario, un espello secundario en plena actividade e un espello terciario artellado. A abertura de 30 metros da estrutura permite un mellor enfoque. Ten unha visión máis aguda pola difracción da luz, permitindo así ás imaxes dos obxectos máis débiles aparecer máis nítidas. Ademais, TMT alcanza unha gama de visión aínda máis efectiva ca os deseños anteriores, cun factor de 10 a 100 dependendo da observación.
A súa construción rematará, aproximadamente, no ano 2020. Este telescopio aparecerá dentro dunha cúpula cun diámetro de 60 metros que ofrecerá unha gama completa de movemento mentres que proporciona unha protección máxima do vento. Incluso terá 98 portas de ventilación que se abrirán para proporcionar refrixeración natural.
O grandioso instrumento óptico servirá como unha ferramenta para a investigación dunha serie de temas relacionados coa historia do noso sistema solar, permitirá ós astrónomos detectar e estudar a luz das estrelas e galaxias máis próximas e comprobar a exactitude de moitas das leis fundamentais da física. O TMT servirá tamén para a investigación dos furados negros masivos e observará os procesos de formación de planetas extra-solares.