Un paso máis no tratamento de infartos cerebrais

17 Xuño 2015
infarto cerebral

Tras investigar sobre a proteína E-selectina e a súa presenza no cerebro durante un infarto cerebral, agora os científicos comprobaron que un composto, que xurde da combinación de dúas substancias axuda a reducir a inflamación e o volume cerebral afectado tras un accidente cerebrovascular ou ictus.

Trátase, por un lado, da glucosamina, un aminoazucre que axuda a baixar a inflamación, e por outro lado, de nanopartículas coñecidas como fulerenos, estruturas formadas por numerosos átomos de carbono, que actúan como axentes neuroprotectores dado que captan con éxito radicais químicos.

A maior parte dos infartos no cerebro teñen lugar cando se obstrúen con coágulos ou depósitos graxos os vasos sanguíneos que chegan a este órgano, provocando a diminución do fluxo sanguíneo cara as súas células. Así, prodúcese o ataque isquémico do cerebro, que provoca unha dexeneración das neuronas, algo que polo momento case non se pode tratar e pode ser mortal.

Para reducir este dano celular e a inflamación tras o infarto cerebral, os investigadores experimentaron con ratas, ás que se lle inducira anteriormente o accidente cardiovascular, administrándolles unha combinación resultante de enlazar quimicamente a glucosamina con fulerenos, dando lugar a gliconanopartículas. Así obtiveron uns resultados que lle axudan a confirmar que esta combinación de fulerenos e azucres suman os seus efectos protectores, obtendo así novos materiais útiles na prevención destes infartos.

A pesar de probar as gliconanopartículas só con roedores, semella que son materiais potencialmente eficaces e probablemente sirvan tamén no tratamento dos humanos.