Un paso adiante: a enerxía solar sobre rodas
Dende a revolución industrial, o ser humano precisou maior achega de enerxía debido ao nivel industrial e tecnolóxico acadado. A enerxía empregada ata os nosos días, na súa maioría, é non renovable, é dicir, vaise esgotando polo que deberá ser substituída por enerxías renovables.
Dentro das enerxías renovables atopamos a enerxía solar. Trátase dunha fonte de enerxía inesgotable que pode ser utilizada de dous xeitos: converténdoa en calor nunha central térmica solar, neste caso faráse ferver auga, e o seu vapor moverá unha turbina, xerando así electricidade; ou directamente en electricidade, mediante paneis solares. Un panel solar fotovoltaico está formado por un conxunto de celas (células fotovoltaicas) que producen electricidade a partires da luz que incide sobre elas (enerxía solar fotovoltaica).
Nun principio o seu uso centrábase na industria aeroespacial, como subministro de enerxía eléctrica para satélites e sondas. Logo trasladouse o seu uso ao ámbito terrestre, para producir electricidade destacando entre outras aplicacións: electrificación de pobos remotos, señalización ferroviaria, postes de SOS (teléfonos de emerxencia en estrada), coches eléctricos, etc.
Un paso adiante na utilización desta enerxía ven dado por enxeñeiros holandeses que construíron un carril bici de 70 metros na cidade de Krommenie, a cal se atopa a 25 km de Ámsterdam. É a primeira estrada do mundo feita con paneis solares. O chan está formado por módulos de formigón de entre 2’5 e 3’5 metros, nos cales van integradas as células fotovoltaicas.
De momento a súa rentabilidade é pouca e o panel solar resiste pouco peso, pero os creadores do proxecto estiman que en vinte anos se amortizará o gasto do carril, 3 millóns de euros e 5 anos de investigación, xa que pensan que nun futuro esa enerxía captada do Sol, servirá para iluminar a vía e os sistemas de tráfico, e incluso apuntan que recargará os coches eléctricos. Ademais apóstase que será unha smart high-way, é dicir, unha estrada intelixente, que advirta dos perigos, adapte as condicións de luminosidade ás condicións meteorolóxicas e realice funcións de apoio aos condutores.
En definitiva, Holanda, convértese así nunha nación pioneira no uso de estradas con paneis solares, cando poucos pensaban que as estradas poderían xerar enerxía.