Parque da Natureza de Cotorredondo e Lago Castiñeiras
Un lugar próximo a Pontevedra no que podemos gozar dun día da natureza practicando senderismo, observando plantas e animais ou contemplando amplas panorámicas das rías de Pontevedra e Vigo.
O parque do Lago Castiñeiras e Cotorredondo está situado na zona central da Península do Morrazo, en terreos dos concellos de Marín (ao Norte) e Vilaboa (ao Sur) cunha altitude media de 400 m sobre o nivel do mar. Ocupa unha superficie de 70 hectáreas, propiedade das comunidades de montes.
Estructurase ao redor do Lago e os regatos que o alimentan, dando lugar a un espazo no que podemos atopar varios ecosistemas: lago, brañas, regatos, arboreda autóctona, plantacións forestais e ornamentais, matogueira... Un aspecto importante é a presenza de elementos megalíticos, entre os que destacan algúns petróglifos e varias mámoas, entre as que destaca a “Mamoa do Rei”.
O parque conta cunha Aula de Natureza (creada no ano 1988), un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, áreas recreativas, zona de xogos infantís, paneis informativos e un miradoiro no cume de Cotorredondo (actualmente pechado).