Pardela Cincenta. Ave do ano 2013

2 Xaneiro 2013
pardela

A SEO/Birdlife escolleu como Ave do ano 2013 á pardela cincenta, unha especie que nos últimos tempos está diminuíndo moito o seu número, polo que nalgunhas zonas esta catalogada como ave “en perigo” ou “vulnerable”.

A Pardela cincenta (Calonectris diomedea) é unha ave mariña da familia Procellariidae. Pode acadar os 55 cm de lonxitude. Ten a parte superior da cabeza e das ás, lombo, mitra e rabo de cor parda-cincenta, as partes inferiores de cor branca e as fazulas, laterais do pescozo e costas apencadas. O peteiro é groso, de cor amarela. Ten unha ás moi grandes con respecto a corpo (ata 120 cm de envergadura.

COSTUMES:

Vive sempre en alta mar e só vai a terra a criar

Aliméntase de peixes, cefalópodos, crustáceos…

Planean sobre as ondas para proveitar as correntes. Voan a bastante pouca altura, ás veces preto da costa, en pequenos grupos; con fortes ventos, voan moi ben.

Cría en illas e illotes e algún cantil costeiro. Aproiveita covas e ocos ou excava ela mesma galerías na terra. Pon un único ovo que coidan o macho e a femia durante catro semanas.

DISTRIBUCIÓN:

É abondosa no sur de Europa e fronte ao noroeste de África. No Mediterráneo, é bastante frecuente no verán, en illas e farallóns. Pasa o inverno no Atlántico Sur.

En Galicia obsérvase nos pasos migratorios, sobre todo de xuño a novembro.

Hai tres subespecies. A Calonectris diomedea diomedea aniña nas illas do Mediterráneo (principalmente nas Baleares) e nos mares Adriático e Exeo. As outras crían nas illas do Atlántico (Azores, Madeira, Canarias, Cabo Verde…)