Os "Llanos Orientales de Colombia" (I)

2 Novembro 2011
Llanos

Comeza con este primeiro artigo sobre os “Llanos Orientales de Colombia”, coma un relato no que tratarei de dar unha visión próxima dun contorno natural moi diferente ao que estamos acostumados a vez en Galiza. Un medio natural noutro continente, nunha paisaxe diferente e cunhas condicións climatolóxicas moi distintas ás nosas.

Achegarémonos aos “Llanos colombianos” viaxando desde a capital do país, Bogotá; nunha viaxe cun lento e serpenteante descenso pero cargada dun enorme encanto. Desde Bogotá, a2600 mde altitude na cordilleira dos Andes, saímos cara a Villavicencio, a capital do Departamento do Meta, e que se encontra a400 mde altitude sobre o nivel do mar. Pero eses130 Kmde percorrido e máis de 4 horas de viaxe son unha historia para narrar noutro momento. A Razón deste artigo é a de trasladar a visión dun galego, amante da natureza, cando visita unha terra cun medio natural tan rico e diverso e, á vez, tan diferente á natureza galega.

Villavicencio é a capital do Departamento (un departamento é algo semellante ás nosas provincias) do Meta que, conxuntamente con outros dous departamentos forman unha unidade paisaxística coñecida como  “Llanos Orientales Colombianos” (representan o 28% da superficie deste país). Villavicencio é a cidade máis grande desta rexión e nela vive a metade da poboación dos “Llanos” que, en realidade, está formada por poucos habitantes en relación coa súa gran superficie.

Llanos1

O río Meta, que da nome a este Departamento, é un afluente do gran Río Orinoco que percorre a parte oriental de Colombia (de aí o de “Llanos Orientales”), na súa fronteira con Venezuela. A horizontal paisaxe dos “Llanos” é, en realidade, a chaira de inundación do río Meta que ten continuidade no territorio venezolano. No período de choivas, gran parte desta chaira permanece anegada, facéndose impracticables os desprazamentos terrestres polo lugar.

De Villavicencio dirixímonos ao noso destino, a uns30 Kmda capital do Meta. Nesta última parte da viaxe pasamos polo centro xeográfico de Colombia, identificable pola presenza  dun grande e chamativo monolito. De camiño atravesamos o Río Metica, afluente do Río Meta, vadeándoo por unha gran ponte desde onde se divisan as barcazas metálicas utilizadas para o transporte de gando, un dos máis importantes recursos económicos desta rexión. Seguimos camiño cara ao  noso destino aproveitando, á vez,  para gozar das excelentes vistas da paisaxe e para facernos unha idea máis concreta e definida do lugar onde nos encontramos. No percorrido, imos observando unha gran cantidade de cultivos extensivos, explotacións de gando bovino e, incluso, campos de extracción de petróleo. Obtemos así, unha primeira visión de carácter socio-económica dos “Llanos”, que agardamos ampliar con máis coñecementos no noso destino; unha “pequena” propiedade gandeira de46 hectáreas. Para un galego pode resultar contraditorio o chamar pequena a unha finca destas dimensión pero nos “Llanos”, trátase, simplemente, dunha superficie moi discreta en comparación á maioría das explotacións agrícolas e gandeiras.

Fai calor; unha calor pegañenta. O clima dos “Llanos” é húmido e caloroso (clima intertropical de sabana) e, ademais, chegamos na estación chuviosa (no mes de  agosto) mentres que a seca coincidirá no mes de xaneiro. En xeral, nos “Llanos”, dominan as altas temperaturas todo o ano polo que resulta agradable, case sempre, pasar as noites nunha hamaca sen máis teito ca o ceo. Aínda que, de seguro, o meu compañeiro de viaxe non opina o mesmo pois a el tocoulle o descanso na hamaca nunha noite de chuvia torrencial tan característica do mes agosto dos “Llanos”.

Encontrámonos a350 mde altitude sobre o nivel do mar; no que paisaxisticamente se coñece como sabana de altichaira, e de seguir camiño en dirección a Venezuela, a altitude dos “Llanos” descendería ata os250 m, cota, que no mes de agosto adoita atoparse anegada, facéndose imposible as visitas terrestres.

Os “Llanos” son un dos ecosistemas máis importantes do mundo, no que se desenvolven diferentes hábitats: sabana, zonas pantanosas e diferentes tipos de bosques onde viven ata 470 especies diferentes de aves (hai 1.876 especies de aves catalogadas en Colombia das 9.700 catalogadas no mundo), así como unha gran variedade de réptiles, anfibios, mamíferos e, por suposto, insectos. A propiedade na que pasaremos uns días está dominada pola sabana de altichaira, onde pacen tranquilamente a manda de touros e vacas que son a súa principal fonte de ingresos. Tamén no Departamento de Cundinamarca, de onde vimos, ao que pertence Bogotá, hai moitas explotacións gandeiras e a variedade  de gando vacún é moi semellante á do noso país. No contorno de Bogotá abondan as explotacións gandeiras leiteiras, pero o gando dos  “Llanos”, é totalmente diferente ás nosas vacas e recorda, máis ben, ás especies que adoitamos ver en rexións máis cálidas e secas como en África ou na India…

Esta viaxe continuará na  edición  do próximo mes

See video