Os cristais máis grandes do mundo
A cova de Naica é unha das maiores maravillas xeolóxicas que pode contemplarse no mundo, xa que contén os maiores cristais de selenita coñecidos.
A Cova dos Cristais, tamén chamada cova de Naica, está en Saucillo, Chihuahua (México). Conecta coa mina de Naica (explotación de prata e chumbo) a 300 m por debaixo da superficie. A cámara principal contén xigantescos cristais de selenita, algúns dos cristais naturais máis grandes xamáis atopados. O cristal máis grande atopado na cova ata esta data mide 12 m de longo e 4 m de diámetro e acada as 55 toneladas de peso.
Comezouse a formar hai uns 25 millóns de anos. Unha enorme bolsa de magma quente ascendeu desde o interior da Terra ata encaixar a uns 3 km da superficie na zona de Naica. Ese foco caldeou as augas circundantes, que ascendían moi quentes e altamente mineralizadas, rebosantes de sulfuros, e que arrancaban o calcio das paredes por onde pasaban. Nos puntos onde esas augas se xuntaban coas máis próximas á superficie, máis frías e ricas en osíxeno, producíase un depósito de sulfuros de prata ou chumbo, pero tamén de anhidrita, un sulfato de calcio procedente da disolución da rocha calcaria da montaña.
Cando o foco do calor foi apagándose, a temperatura da cova chegou a rondar os 120 graos e logo descendeu por debaixo de 58. A esa temperatura a anhidrita comezou a volverse inestable e disolverse, orixinando unha lentísima deposición de xeso que se mantivo ao longo de millóns de anos formando os megacristais de selenita que agora forman a cova de Naica.
Só está aberta ao públicoa Cova dos Cristais, xa que no resto da cova as condicións son moi extremas e o equilibrio da cova é sensible ás modificacións externas.