Os “RAROS” elementos máis buscados

5 Xullo 2011
elementos raros

Moitos dos obxectos que mercamos e que usamos a diario están fabricados cunha pequena cantidade duns elementos coñecidos co nome de “terras raras”, un grupo de metais exóticos procedentes na súa maioría de China.

Moitos dos dispositivos tecnolóxicos que empregamos na vida cotiá (móbiles, aparellos de música, pequenos motores, ferramentas, ordenadores, pantallas de televisión, gafas, cámaras fotográficas, frigoríficos...) existen grazas a un grupo case descoñecido de elementos químicos agrupados nos lantánidos.

As terras raras descubríronse a finais do século XVII en forma de minerais oxidados. Atópanse en pequenas cantidades e son difíciles de obter, aínda que o máis escaso é case 200 veces máis abundante que o ouro. A tecnoloxía para a súa extracción e complicada e existen poucos xacementos rendibles.

A mina máis importante do mundo é a de Baotou en Mongolia Interior na que se atopan o 80 % das reservas de China, país que produce o 97% da demanda mundial. China convertiuse no primer produtor mundial destes elementos a partir de 1980, seguida de Estados Unidos, Australia e Rusia. O alto prezo dalgúns deles (un quilo de lutecio pode acadar os 2.600 euros) fai que case 20.000 tonelas sexan extraídas e vendidas de contrabando pola mafia chinesa.

Calcúlase que na actualidade o consumo mundial de terras raras é de máis de 100.000 toneladas. Para o 2015 serán de 185.000.

O principal inconvinte desta minería é que produce gran cantidade de resíduos tóxicos e radioactivos que contaminan a auga e o solo.

 

 

O samario converte o son en electricidade nas cápsulas magnéticas das guitarras eléctricas.

 

O teléfonos móbiles e os reprodutores de audio dixital emiten son e luz. Uns imáns de neodimio fan funcionar o altofalante, o motor vibratorio e os pequenos auriculares. As cores da pantalla de cristal líquido prodúcense con europio (vermellos) e terbio (verdes).

As gafas de visión nocturna que emprega o exército precisa gadolinio, lantano e itrio.

As imaxes de resonancia magnética empregan o gadolinio para distinguir os tecidos sans dos enfermos.

Os coches híbridos empregan lantano paras as baterías e imáns de neodimio para os motores eléctricos.

Unha turbina eólica pode conter centos de quilos de neodimio.

Unha lámpada fluorescente compacta contén pequenas cantidades de terbio e itrio.

Para protexer os ollos e as bebidas da radiación ultravioleta empréganse vidros escurecidos con praseodimio, erbio, cerio ou neodimio.

As pequenas ferramentas con motor empregan imáns de neodimio ou disprosio que permiten reducir o tamaño do mesmo.