Os “Llanos Orientales de Colombia” (IV)

7 Marzo 2012
Llanos3

Seguindo coa nosa historia nos  “llanos”…

As abundantes redes fluviais que percorren a sabana dos “Llanos” orixinan ecosistemas naturais, pequenos bosques de ribeira (chamados, máis exactamente,  “bosque de galería”),  que son dignos exemplos en miniatura de selvas tropicais.

Nos pequenos regatos que agocha a exuberante vexetación destes bosques viven anacondas, pequenos caimáns, pirañas… e toda unha gran diversidade da flora e fauna característica deste tipo de medios tropicais.

As casuais pontes para atravesar estes cursos de auga son simplemente pequenas árbores caídas, vítimas de temporais e  anegamentos. Resulta toda unha aventura o sortear estas vivas e pequenas correntes de vida sen probar o líquido elemento. E falo con coñecemento de causa, porque das catro veces que me aventurei a cruzalos, na metade delas caeron á auga os circunstanciais “guías” que me precedían, da cal saíron, coa máxima celeridade e sans e salvos. A miña falta de confianza, o transporte da cámara na man, a utilización dun pau de apoio e a precaución para evitar o contacto coa posible fauna acuática, axudáronme a finalizar con éxito estas pequenas travesías. A razón destas esporádicas aventuras era a de visitar  unha propiedade lindante coa nosa onde, nunhas grandes e rectangulares balsas, os veciños criaban  a “tilapia vermella”, un peixe  do cal tiven a  ocasión de facer referencia con  anterioridade.

Llanos4

Un par de mañás, moi cedo, aventureime no bosque de ribeira para tratar de sorprender, hai que aclarar que sen éxito, as mandas de “monos esquío” que os  atravesaban coa alba e ruidosamente na procura de alimento. Pedro, o meu compañeiro, copropietario da propiedade e ocasional guía, contárame que el tivera a oportunidade de observar as matutinas travesías destes pequenos simios arborícolas pola parte máis alta da floresta. Como era sabedor do meu interese pola natureza, ao longo dos días Pedro foi facilitándome numerosas anécdotas relacionadas cos atractivos “veciños” da sabana. Nunha ocasión  contoume que se deran un par de casos, no último ano, nos que veciños do lugar tiveran que cazar, neste  regato,  un par de “güíos” (así chaman ás anacondas). Díxome que ámbolos exemplares non eran moi grandes (2´5 m e3 mrespectivamente) pero que lle sorprendeu  moito o tremendo grosor destas serpes (ata40 cm). E que entre as  presas dos “güíos” están os pequenos becerros da explotación gandeira que son sorprendidos polos hábiles réptiles cando se achegan ao regato para saciar a súa sede. No momento en que  menos o agardan, as inocentes crías das vacas serán sorprendidas polas potentes mandíbulas das anacondas que dun forte chimpo  abalánzanse  sobre elas sen darlle tempo a reaccionar.

O bosque de ribeira remata dun xeito brusco a  poucos metros da corrente de auga, forzado pola  actividade humana empeñada en converter o bosque nunha pradería. Entre o pasto, tentan facerse ver pequenos “proxectos” de árbores que na súa insistencia por acadar o ceo, chocan coa persistencia dos humanos por abortar esta aventura cando apenas conseguen elevarse uns centímetros do chan. Esta é a historia das insistentes acacias que reciben paus só polo feito de nacer onde o azar o considerou. E ao observalas reaccionar, semella que sofren ao recibir as tundas  que tentan  castigar a súa insolente presenza, pois nesta especie encóntrase  moi  desenvolvida a resposta a  estímulos de contacto dos vexetais; as chamadas “sismonastias” (ollade o vídeo). As follas da acacia péchanse brusca e claramente a cada impacto que reciben co pau. O que os gandeiros descoñecen é que as acacias terían un efecto moi positivo para a produtividade dos seus herbazais. Resulta contraditorio que os gandeiros tenten acabar con esta especie invasora, pois posúe unha función moi positiva para o crecemento das herbas. As acacias, ao seren leguminosas, posúen uns nódulos ou engrosamentos nas súas raíces onde viven bacterias que son capaces de captar o nitróxeno da atmosfera que é un composto químico imprescindible para a fertilización natural destes pobres solos tropicais da sabana de altichaira (“lateritas”).

http://youtu.be/HcSk4dzg9nk