Orzán, un lobo mariño en recuperación

CES
7 Marzo 2013
Orzán

Desde hai uns días nas instalación do IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura), na Illa de Arousa, hai un novo lobo mariño en recuperación. Trátase de Orzán; así chamado porque foi recollido na praia coruñesa que leva este nome.

A CEMMA é o organismo responsable da recuperación do animal, que neste caso semella que vai ser un proceso máis delicado ca de costume, pois Orzán, ten unha infección nun ollo en un oído que haberá que curar. Desde a súa piscina do IGAFA, os veterinarios da CEMMA encargaranse  do seu proceso de recuperación, no cal contarán nesta ocasión, ademais de cos membros do CES (Colectivo Ecoloxista do Salnés), cos alumnos e alumnas que cursan os seus estudios neste centro de formación en acuicultura.

Orzán está sendo alimentado a base de xarda, un peixe azul moi rico en graxas, co que agardan recupere peso a un bo ritmo para que poida recuperar a liberdade nun curto espazo de tempo. Así, agárdase que en tres ou catro semanas poida ser liberado en augas do Atlántico norte.