OCEÁNTICA. Introdución dos contidos transversais sobre as rías nos currículos

Curso universitario internacional incial do proxecto OCEÁNTICA
7 Abril 2013
oceántica curso

O Campus do Mar organiza un curso os días 12 e 13 de abril, en Vigo, destinado a docentes de Primaria, ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos e profesionais universitarios relacionados coa comunicación científica sobre o mar. O obxectivo deste curso, que marca o inicio do Proxecto OCEANTICA, é presentar un marco curricular transversal que, mediante exemplos,  mostre como é posible extraer contidos transversais desde as rías que se poden utilizar en todos os niveis educativos.

Un dos exemplos presentados neste curso será o deste número especial da revista dixital “A Buxaina” do IES Francisco Asorey.

Este curso ten como finalidade presentar o marco curricular transversal do novo proxecto educativo do Campus do Mar, OCEANTICA, mediante exemplos de extracción de contidos transversais dende as rías, para orientalos cara aos currículos de todos os nivéis, etapas, ciclos e modalidades educativas.

Sintetiza, dende o marco contextual das rías, os enfoques conceptuais transversais das 5 etapas do proxecto educativo transversal do Campus do Mar: OCEANTICA:

  1. Redución da pegada de carbono no océano
  2. Recursos mariños para a sostibilidade e a saúde
  3. Contaminación do medio oceánico e costeiro
  4. Xestión integral do territorio oceánico e costeiro para a sostibilidade e a resposta ao cambio climático
  5. Tecnoloxías mariñas para a sostibilidade e a saúde.

As conclusións da xornada sairán dunha mesa redonda final sobre as oportunidades educativas transversais das rías. Para facilitar a converxencia das ideas da mesa, e estimular a busca de exemplificacións que clarifiquen o novo proxecto educativo transversal do Campus do Mar, antes da mesa redonda presentaranse a estrutura e as bases conceptuais transversais de cada unha das grandes etapas do proxecto educativo transversal do Campus do Mar.

oceántica

O marco conceptual transversal do proxecto que se presentará, resultou de hibridar os ámbitos científicos e tecnolóxicos implicados no campus de excelencia internacional Campus do Mar, cos ámbitos propios das ciencias sociais enfocadas cunha dimensión suficientemente ampla para integrar a economía, a ordenación do territorio e a filosofía; abordando as oportunidades que aporta a súa comunicación para desenvolver competencias básicas en comunicación lingüística, no coñecemento e interacción co mundo físico, no tratamento da información e competencia dixital, na competencia social e cidadá, na matemática, na cultural e artística, na de aprender a aprender e na de autonomía e iniciativa persoal . Sobre este marco transversal complexo estruturado baixo a óptica das competencias básicas, a xornada recolle exemplos representativos das diversas etapas do proxecto educativo transversal do Campus do Mar.

As exemplificacións que se recollen nesta xornada, son aquelas que permitan clarificar un marco curricular transversal extraido dende os ámbitos socio – económico ambientais das rías.

 

http://campusdomar.es/oceantica/jornadainicial/a-xornada/?lang=gl