O Skinsuit

27 Marzo 2014
skinsuit

Un dos efectos de viaxar ao espazo é que un regresa sendo máis alto. Aínda que pareza incrible, rexistráronse casos de astronautas que medraron ata 7 cm tras unha misión. O motivo é que sen a gravidade que comprime os ósos, a columna alóngase e os músculos e nervios estiran. Isto pode parecer unha vantaxe pero en cambio non o é, xa que supón un importante problema para a saúde.

Unha vez na Terra, os astronautas están obrigados a exercitarse, xa que teñen moitas posibilidades de sufrir unha hernia discal. Para evitar estes problemas, a Oficina de Medicina Espacial do Centro Europeo de Astronautas da Axencia Espacial Europea (ESA), desenvolveu un traxe moi axustado, denominado «Skinsuit». Este traxe ten un tecido bidireccional especialmente deseñado para contrarrestar a falta de gravidade, apertando o corpo dos ombros aos pés cunha forza similar á que se sente na Terra.

Os prototipos actuais están feitos de spandex, aínda que os investigadores estudan novos materiais. Os que crearon este traxe querían conseguir que fose axustado ao corpo pero ao mesmo tempo cómodo de levar, e que exercese a cantidade axeitada de forza naqueles lugares que se necesiten. O astronauta da ESA Andreas Mogensen será o primeiro en usalo no espazo durante a súa misión na Estación Espacial Internacional (ISS) en 2015.
O Skinsuit tamén podería ser útil na Terra. Se a tecnoloxía demostra ser eficaz no espazo, podería axudar ás persoas maiores ou con problemas de costas, e mellorar as pezas de soporte que se utilizan en enfermidades como a parálise cerebral.