O sangue das baleas voltara a tinguir o océano

Xapón informa que reanudará a caza de baleas alegando motivos científicos
3 Xaneiro 2016
Caza baleas 1

No ano 1982 entrou en vigor unha lei que prohibe a caza comercial de baleas nos países que forman parte da Comisión Baleeira Internacional (CBI) como consecuencia dunha alta presión a nivel social e tamén polo pésimo estado no que se encontraban as poboacións de ditos mamíferos. A partir desa data, países como España puxeron fin a dita práctica, pero aínda a pesares destas prohibicións, outros continúan poñendo fin á vida destes animais. Así, Xapón é un dos países que máis frecuentan a caza de baleas en zonas como a Antártida e o Pacífico Norte, comezando o primeiro día de Decembro a súa temporada de caza, que ten unha duración de tres meses.

De acordo coa CBI (máis coñecida como ‘IWC’ polas súas siglas en inglés), existen dúas razóns polas que está permitida a caza de baleas: por un lado, a práctica aborixe para a subsistencia, e por outro, por motivos científicos. Xapón non cualifica para a primeira razón, pero en cambio si o fai para a segunda. Desta forma o barco de investigación Kaiyo-Maru partiu recentemente con permiso para, en principio, poder cazar ata unha totalidade de 333 baleas ananas con fins científicos.

Caza baleas 2

O máis preocupante é que unha vez rematado o seu uso con fins científicos, poderán ser vendidas. É por isto polo que organismos internacionais como por exemplo o IFAW (Fondo Internacional para o Benestar Animal) pensan que os permisos científicos non son máis que simples licencias que permiten a venda de carne de balea. “Non é unha coincidencia que os únicos países onde se matan baleas con fins científicos sexan aqueles interesados en crear mercados de carne de balea” afirma un portavoz da IFAW.

A pesar da gran presión imposta a nivel internacional, Xapón sostén que existen razón suficientes para abrir a temporada de baleas e así o explicou nun documento de máis de 100 páxinas que presentou ante a Comisión Baleeira Internacional. Desta forma o Kaiyo-Maru partiu recentemente con dous obxectivos para os que, segundo afirma o goberno xaponés, se utilizarán métodos tanto letais como non letais e que son, por un lado, facer unha estimación da poboación actual de baleas ananas no Ártico e por outro estudar os patróns de migración e os cambios nas condicións nutricionais desta especie.

Cabe destacar tamén que o goberno xaponés sostén que para determinar a poboación de dita especie é totalmente necesario aplicar métodos letais e intenta restarlle importancia ao asunto argumentando que hai suficientes baleas ananas como para que poidan ser cazadas dunha forma sostible, tratando de agochar así o feito de que, unha vez estudadas, as baleas serán esnaquizadas e a súa carne vendida.

Persoas de todo o mundo manteñen opinións totalmente contrarias ás do goberno de Xapón neste asunto. Greg Hunt, ministro de Ambiente de Australia sostén que non existe necesidade de matar baleas no nome da ciencia e afirma que os métodos máis eficientes e efectivos para estudar a tódolos cetáceos son os non letais.

A caza con fins comercias non é a única situación coa que as baleas se teñen que enfrontar senón que cada vez a súa vida estase a ver máis ameazada por razóns como a polución, o cambio climático e a crecente degradación do seu hábitat, entre outros.