O muíño de mareas da Seca

7 Abril 2013
muíño da Seca

En Cambados consérvase un dos muíños de marea máis antigos de Galicia, hoxe convertido en museo. O pasado venres, 5 de abril fixemos unha visita o alumnado de 2º de ESO B e 3º ESO D e José Luís Meijón explicounos o funcionamento.

O muíño de mareas da Seca está situado na Ría de Arousa, no fondo da enseada de Corvillón, na desembocadura do rego da Ucha. Un manuscrito asinado por Amaro Alonso con data do 4 de maio de 1622 indica que foi construído sobre unha vella saíña por encargo de Gonzalo de Valladares y Sarmiento, señor do Pazo de Fefiñáns. No século XIX cambiou de propietario (familia Prego) e deixou de traballar arredor de 1970. O último muiñeiro foi Manuel Piñeiro Señoráns. Rehabilitouse en 2002, sobre un proxecto de César Portela e desde aquela funciona como museo. Actualmente é propiedade do concello. Nos meses que mellor funciona é desde a Semana Santa ata mediados de outubro. Os peores meses son xullo e agosto.

O estanque mide 600 m de lonxitude cunha presa de 50 m na que hai cinco comportas para o paso da auga. O edificio é de pedra da zona, unha mestura de granito silvestre e sienita, que lle da unha característica cor vermella. Ocupa unha superficie de 134 m2. Ten tres andares, o de abaixo adicado a muíño e os dous superiores a vivenda. Conta con dúas pequenas edificación anexas, as cortes e a adega.

A auga, almacenada na presa, entra no muíño por catro comportas que se accionan desde o piso superior e move as catro moas, tres para millo e unha para trigo e centeo.