O moucho declarado ave do ano 2011 pola SEO/BirdLife

10 Marzo 2011
moucho

O moucho, unha pequena rapina nocturna moi ligada ao medio rural, convértese este ano en protagonista, para chamar a atención sobre o seu estado de conservación e as ameazas que sofre.

O moucho común (Athene noctua) é unha ave propia de climas temperados de Eurasia e o norte de África. Pode acadar ata27,5 cm de lonxitude e50 cm de envergadura alar. É de cor castaña con pencas brancas na parte superior, e castaña con raias brancas na zona ventral, coa cabeza  relativamente grande e os ollos de cor amarela brillante, con cellas brancas. As patas son longas e o rabo curto.

Vive en zonas abertas, cultivos con valos e beirais e pequenas manchas de arborado. Aliméntase de invertebrados grandes, ratos, paxariños, lagartos...

É activo tanto de noite como polo día. Aniña en furados de árbores vellas ou en valos e ruínas.

Para marcar o territorio, sobre todo á noitiña, emite un son semellante ao miañar dun gato, polo que nalgúns sitios chámaselle “gato moucho”.

É sedentario e fiel ao territorio e á parella. Resulta un importante aliado dos agricultores xa que combate as pragas de xeito natural.

moucho moeda

Moeda ateniense

Na actualidade estímase que hai un 50.000 mouchos en toda España. O seu número reduciuse nun 40% nos últimos dez anos debido, sobre todo, aos cambios na agricultura, a perda de hábitats e o emprego de praguicidas. En Galicia era común, pero desde os derradeiros 20 anos resulta escaso.

Na Grecia antiga o moucho era o símbolo da deusa Atenea e da cidade de Atenas, polo que aparecía representado nas moedas.