O millo

4 Novembro 2013
millo

O millo é unha planta que foi moi cultivada na nosa zona, aínda que na actualidade vese menos. Considérase como un dos alimentos básicos da humanidade

A planta do millo é de porte robusto, de fácil desenvolvemento e produción anual. Pode acadar os 4 m de altura.O millo é orixinario de América, é unha das primeiras plantas cultivadas, coñécese o seu cultivo desde hai máis de 7.000 anos en México. Foi a base da alimentación dos aztecas e outros pobos centroamericanos e toda a súa cultura aparece influída por el. Cando chegaron os europeos cultivábanse nos terreos montañosos de América Central e México ata 300 variedades distintas de millo. Foi traído de América polos conquistadores. O primeiro campo de millo cultivouse en Sevilla en 1493. A primeira noticia do cultivo de millo en Galicia é do ano 1604 en Mondoñedo. Arredor de 1630 comezouse a cultivar polas Rías Baixas. O destino fundamental do millo que se cultivaba en Galiza ata mediados do século XX era para a alimentación humana.

Do millo aprovéitase todo. Ademais do seu uso para a alimentación humana (directamente ou en multitude de produtos elaborados), constitúe unhas das bases esenciais dos alimentos concentrados do gando (ensilado ou como componente de pensos) e unha materia prima da que se poden extraer miles de aplicacións industriais. Máis de 1.200 produtos vendidos nun supermercado inclúen un ou varios ingredientes derivados do millo.