O Entroido de Viana do Bolo

2 Marzo 2012
entroido V Bolo

Igual que até que non se ven a Cambados non se proba un bo marisco, até que non se vai a Viana non se sabe o que é un entroido senlleiro.

O que se fai na zona de Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Manzaneda e zonas próximas é unha das celebracións tradicionais do entroido en Galicia de maior interese etnográfico. Imos contar o de Viana do Bolo.

Despois do día de Reis comeza a preparación de disfraces e os ensaios.

Os veciños organízanse para tocar o fulión polas distintas aldeas. O fulión é unha banda musical formada polos lugareños, que fan soar ritmicamente grandes bombos e apeiros de labranza e cada lugar toca o seu ritmo diferente.

Xoves de Compadres: celébrase dous xoves antes do domingo de entroido. A véspera as mulleres perseguen aos homes para roubarlles unha prenda e colocarlla ao Lardeiro, un boneco de ferro recheo de palla e petardos que se colga nun poste da Praza Maior. O xoves os homes persiguen as mulleres para facerlles comer fariña. Pola tarde sae o fulión pola vila e ao remate faise a cea de Compadres.

Xoves de Comadres: na seguinte semana. A véspera son os mozos os que rouban unha prenda ás rapazas para colocarlla á boneca Lardeira, que se pon nun poste a carón do Lardeiro. Durante o día as mulleres perseguen aos homes para facerlles comer fariña. No serán a rapazada fai desfiles de disfraces e carrozas, acompañados de grupos tocando o fulión. Pola noite as mulleres organizan unha cea. Disfrázanse e forman comparsas que rivalizan entre elas.

Vernes e sábado: aos nenos e maiores que non vaian disfrazados fáiselles comer fariña por parte do sexo oposto. O Fulión percorre as rúas como cada tarde ás 8, dende lonxe percíbese o seu son como os latidos dun corazón, o corazón da montaña galega que mantén aínda hoxe estas tradicións ancestrais.

Domingo Gordo: día grande do entroido e degustación da androia. Faise un gran desfile que percorre as principais rúas, participando todas as personaxes típicos do entroido: Os Boteiros, A Mula, As Carrozas e Os Fulións de todos os lugares da zona, que previamente foron visitados polo fulión de Viana nas dúas semanas anteriores.

Os boteiros levan un disfraz artesanal. A camisa leva máis de mil metros de cinta de seda ou raso cosido de canto, formando deseños xeométricos. A Mula vai guiada por un maragato e noutros tempos ía montada polo cacique que ía convidando a viño e viandas aos veciños.

Na vila de Viana do Bolo recóllense a tradición e a historia mellor gardadas e transmitidas do acontecer de cada ano, de cada xeración.

No carnaval, coas pantallas e cos disfraces, os fulións acuden ao desfile do domingo desde as aldeas cercanas con cadanseu propio ritmo e diferentes deseños, distinguíndose así entre eles.

A forza, a imaxinación, a artesanía e a identidade sae ás rúas de Viana o Domingo Gordo.

 

Luns: día adicado aos nenos.

Martes: o fulión percorre as rúas, despedíndose ata o vindeiro ano, e bótase moita fariña tamén polo mesmo motivo. Queima dos Lardeiros ás 12 da noite.

Mércores de Cinsa: enterro da sardiña e plañideiras polas rúas de Viana... queda pouco menos de un ano até que o fulión nos traia de novo eses sons rítmicos e profundos, ao seu ritmo volverán botar os Boteiros e detrás irá de novo a xente coa fariña, encargándose de que todo aquel que non vaia disfrazado coma a necesaria para integrarse nesta festa...