O Entroido no Ulla
Para explicar como era o Antroido na comarca da Ulla entrevistamos á nosa proferora Teresa Cao, da parroquia de Salgueiros (Vila de Cruces) que nos conta a súa experiencia e nos facilitou unha fotos..
Como eran as festas do Entroido na túa zona?
Eran moi populares. Cada día nunha parroquia diferente, o sábado en Gres, o domingo en Piloño, o Luns en Brandomés e o Martes en Salgueiros. Chamábanlle “A Máscara”.
Era unha festa á que ían todos os veciños e veciñas do pobo. Polas mañás, a partir das doce percorrían as casas da parroquia, menos as que estaban de luto e pola tarde, a partir das catro, facían a representación recitando coplas. No campo onde se celebraba a festa poñían un arco de mimosas e actuaban debaixo del.
Como vestían?
Había dou “Xenerales” que levaban moitos colares que lles daban as mozas. Cantas máis mozas tiña, máis colares levaba. Tamén levaban unha cinta cunha bandeira e cabalos moi adornados coas crins e as colas trenzadas con lazos e coroas na cabeza, ou cornos con prumas de pavos reais. Había un “Vello dos Cornos” que sempre levaba os cornos dunha vaca ou dun boi e ía vestito cunha palliza e perseguía á xende dándolle cos cornos. Os “Mouros” ían disfrazados e xeralmente levaban unhas máscaras ben decoradas. Outros ían de Alcalde, Centinela, Frade e Correo.
Os frades levaban sempre un tema político, de actualidade. Os centinelas e os correos levaban temas diferentes. O correo e o centinela sempre discutían sobre a política. A parranda contaba sempre un tema actual a xeito de debate e cantaban cancións pra meterse coa xente. Tamén había labradores que levaban arados e un ía chamando aos burros e nunha bolsa levaba chourizos e buñuelos.
Cóntanos a túa experiencia:
Cando tiña seis ou sete anos sempre remataba descalza. A miña nai poñíame no alto dun muro para que vise ben. Cando botaban versos a xente montaba lío e botába a correr e eu saltaba do muro e perdía os zapatos. Nunca fregábamos a louza porque ao acabar de comer non daba tempo de fregar e máis ir á festa e deixábamolo para a noite. Recordo cando era pequena que trataban o tema da Segunda Guerra Mundial. Unha vez viñeron á miña casa e felicitaron ao amo e a min botáronme noraboas.
A “Mascara” deixouse de celabrar durante moito tempo e hai uns anos recuperouse. Celébrase en moitas parroquias da comarca da Ulla.