O descubrimento do fósforo

27 Novembro 2013
fósforo

O fósforo, en latín phosphoros, é un elemento químico que todos coñecemos perfectamente, pero o que non coñecemos tan ben é como se deu o seu descubrimento. Podemos dicir que sucedeu dunha maneira un tanto atípica.

Este elemento foi descuberto polo alquimista alemán Hennig Brandt, en 1669, ao destilar unha mestura de ouriños e area mentres buscaba a pedra filosofal. Ao evaporar urea obtivo un material branco que brillaba na escuridade e ardía coma se fose unha chama luminosa. Dende aquel momento, todas as substancias que brillen na escuridade son coñecidas como fosforescentes.

Este descubrimento levouse a cabo seguindo unha serie de pasos:

  1. Recolleu certa cantidade de ouriños e deixouna repousar durante un par de semanas.
  2. Despois quentouna ata chegar ao punto de ebulición e retirou a auga, reducindo todo a un simple residuo sólido.
  3. Logo mesturou un pouco deste sólido con area, quentouno e recolleu o vapor que saíu de alí.
  4. Finalmente, cando este vapor se arrefriou, deu lugar a un sólido branco, un sólido que hoxe en día coñecemos co nome de fósforo.
fósforo1

Brandt mantivo en secreto o seu grande descubrimento durante uns anos, ata que no 1677 outro alquimista alemán, Kunckel, o redescubriu.

Este gran descubrimento foi todo un avance, xa que o fósforo é un elemento base en moitos compostos. Os máis coñecidos son os chamados fosfatos. É tamén un elemento que non se atopa de forma natural na natureza, pero si forma parte de moitos minerais. É moi reactivo e oxídase con gran rapidez cando se pon en contacto co osíxeno, o que fai que produza luz ao instante.

Podemos diferenciar dous tipos de fósforo: o branco, que é moi velenoso e inflamable; e o vermello, que non se inflama ao momento en presenza de osíxeno e tampouco é tóxico, pero haino que manexar con certa precaución, posto que se pode converter en fósforo branco e soltar así unha serie de vapores tóxicos ao quentarse.