O cultivo do mexillón na ría de Arousa. A cría ou mexilla

5 Abril 2012
mexillón-cría

O cultivo de mexillón comeza coa recolección da cría deste molusco e que se coñece como mexilla.

Os mexilloeiros de Cambados recollen a mexilla  nas rochas das zonas máis achegadas a Cambados, dende a punta de San Vicente ata Portonovo, podendo incluso chegar incluso ás zonas máis lonxanas como Bueu ou Aldán, dependendo da abundancia dela (que varía dun ano a outro).

O que cambia é o desprazamento a estes lugares, xa que cando se acude a estas zonas máis lonxanas, o normal é levar pequenas embarcacións por terra, baixalas ó mar nos seus portos e logo volver a subilas e regresar do mesmo modo. Mentres que se a zona está próxima, como é o caso de San Vicente, xa se desprazan nas embarcacións desde Cambados.

Unha vez recolectada a mexilla transpórtarase en sacos ata a batea e alí irá sendo encordada a man, utilizando o carro ou mesado para amarrala á corda, por medio dunha rede biodegradable. O paso do tempo fará que o mexillón vaia pegándose á corda de xeito natural por medio da secreción dunha glándula chamada viso. A secreción ao entrar en contacto coa auga endurécese a adquire a consistencia dun fío, mentres que a rede vai destruíndose e desaparecendo.  Ao ir medrando o mexillón terá que realizarse o proceso de desdobre, do cal se falará no seguinte artigo.

See video