O atractivo do natural

A versión máis auténtica da Fervenza de Ézaro convértese nunha atracción turística
31 Marzo 2013
Fervenza de O Ézaro

A desembocadura do río Xallas na localidade de Ézaro, no concello de Dumbría, moi preto de Fisterra, ten unha característica case única en Europa: rematar no mar en forma dunha fervenza que salva un desnivel de varias decenas de metros. Pero esta circunstancia tan especial non foi obstáculo para que no anos 80 se construíra un encoro e unha minicentral hidráulica por parte da empresa Ferroatlántica, concesionaria tamén doutros aproveitamentos hidroeléctricos en Galicia e concretamente no propio río Xallas. A partir dese momento esta espectacular fervenza desapareceu como tal, xa que a práctica totalidade do caudal do río se conducían ás turbinas da minicentral deixando circular polo curto tramo do curso do río unha que chegaba ata a desembocadura un caudal tan mínimo que apenas chegaba a humedecer o leito granítico que formaba esta fervenza, agás nas épocas de chuvias abundantes que obrigaban a abrir as comportas do encoro, recuperando así a fervenza o seu aspecto orixinal.

detalle fervenza

Este feito, claramente ilegal pero consentido pola administración, foi obxecto de queixas permanentes por parte de grupos ecoloxistas galegos, pero o único que se conseguíu no ano 2006 foi a apertura do encoro e a recuperación do aspecto dunha fervenza os domingos de verán entre o mediodía e as dúas da tarde, converténdose así na única fervenza do mundo sometida a un horario, circunstancia que ademais foi adornado con un acto inaugural e unha placa conmemorativa do acontecemento. 

Tivo que chegar o ano 2011 para que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a partir dunha demanda da asociación "Ríos con vida" obrigou mediante sentenza a manter no tramo final do río Xallas un caudal mínimo do 10% do caudal medio anual, o que se denomina tecnicamente como caudal ecolóxico. A partir de entón esta fervenza recuperou o seu carácter de foco de atracción turística dentro da comarca de Fisterra, polo que se instalou unha pasarela de madeira que achega aos visitantes a pouca distancia da caída de auga e unha oficina de información turística no acceso á mesma, xunto con unha zona de aparcamento.

Pero só é en aquelas épocas do ano nas que a pluviosidade propia do clima galego maniféstase con máis intensidade cando podemos ver a fervenza de O Ézaro en todo o seu esplendor, Nestas condicións nas que desaparece esa absurda limitación do 10%, como as que se produciron durante a pasada Semana Santa, a afluencia de visitantes vólvese masiva dando lugar a grandes atascos nos accesos a este punto. 

Que se demostra con todo isto? Que os espazos naturais debidamente conservados poden ser considerados como unha fonte de recursos económicos, sobre todo se temos en conta que a Fervenza do Xallas está integrada nunha zona con unha paisaxe salvaxe que ben xestionada e conservada pode ser un magnífico exemplo de turismo respetuoso e sostible, e incluso máis rentable para a zona que os kilovatios de electricidade producidos por unha empresa que, por certo, tributa os seus impostos fora de Galicia.

See video