O ácido poliacrílico podería permitir o desenvolvemento de sangue artificial

30 Abril 2014
sangue artificial

O desenvolvemento de sangue artificial podería ser posible grazas a un novo método inventado por científicos da Universidade de Connecticut (EEUU) para estabilizar a hemoglobina.

Este novo método consiste en envolver a hemoglobina cun polímero (o ácido poliacrílico, en concreto) a fin de protexela da calor intensa que se emprega na súa esterilización de xeito que poida manter a súa función biolóxica e a súa integridade estrutural.

A hemoglobina é a proteína encargada do transporte de osíxeno no sangue. Cando esta se extrae do sangue, descomponse e é tóxica. A esterilización da hemoglobina na súa forma natural permitiríalle conservar as súas propiedades así como non ser perigosa á hora de ser administrada aos pacientes, o cal permitiría elaborar un substituto do sangue humano.

O ácido poliacrílico tamén permite ademais que se poidan almacenar vacinas e outros produtos biomédicos durante períodos máis longos de tempo sen refrixeración. Tamén podería ter aplicacións no ámbito dos biomateriais, biosensores e biocombustibles.

Este ácido é un dos polímeros sintéticos máis abundantes do planeta e está presente en produtos cotiáns como os cueiros dos bebés. É moi hidrófilo (o que quere dicir que presenta unha gran afinidade pola auga). Este polímero adhírese á hemoglobina, envólvea e deste xeito protéxea do exterior e evita a súa desintegración estrutural, o cal permite a esterilización da hemoglobina a temperaturas elevadas.