Un novo e potente antibiótico
Un grupo de investigadores de varias institucións e universidades americanas, alemás e británicas acaban de identificar un novo antibiótico chamado Teixobactina.
A Teixobactina parece ser o candidato a un dos antibóticos do futuro ao ter quedado practicamente sen eles polas resistencias xeradas nos últimos anos. É capaz de actuar contra bacterias gram positivas, implicadas nun gran número de enfermidades como colite, tuberculose, conxuntivite, meninxite ou a pneumonía. Ademais, e quizais o máis importante, é que non xera unha resistencia inmediata entre as bacterias sobreviventes ao seu ataque.
Pero, aínda que isto é un bombazo, a técnica coa que se descubriu aínda supón un bombazo maior e que pode provocar unha nova idade dourada do descubrimento de novos antibióticos. En concreto, supón constatar os microorganismos non cultivables como fonte de novos fármacos antibióticos.
A raíz do descubrimento da penicilina, a ciencia lanzouse a buscar outros microorganismos presentes na natureza e que teñen propiedades antibióticas. Pero esa busca esixía o cultivo de cada posible candidato no laboratorio, o que deixou fóra a todos os microorganismos cuxo crecemento non se pode propiciar en condicións controladas, nada menos que o 99% de todos os existentes.
O equipo estadounidense responsable do achado da teixabactina ideou un procedemento que é capaz de mergullarse con éxito nese mundo dos microorganismos non cultivables, aínda pouco coñecido -polo menos nunha parte del- para buscar posibles antibióticos ocultos-. O método, grazas a un dispositivo multicanle de membranas semipermeables, permite illar e posteriormente criar os microorganismos no seu propio ambiente natural e non cos medios que habitualmente se empregan no laboratorio.