Nóbel de Quimica 2012

12 Xaneiro 2013
nobel química 2012

O premio Nobel de química deste ano foi outorgado ós investigadores Robert Lefkowitz e Brian Kobilka, polos seus traballos sobre o funcionamento dos receptores acoplados ás proteínas G, un campo de estudio que deu entrada a importantes avances farmacolóxicos.

Durante décadas foi todo un misterio saber como as células podían recoñecer cambios no seu entorno e reaccionar ante eles. Sabíase que as hormonas viaxan polo corpo e avisan ás células desas distintas situacións de cambio, o enigma era a forma a través da cal se realizaba ese intercambio de información.

A hipótese da que partiron moitos científicos era da existencia dalgún tipo de receptores na superficie celular, pero ata que Lefkowitz comezou a empregar en 1968  a radioactividade ninguén os puidera identificar.

Isto consistía en poñer un isótopo de iodo en varias hormonas aplicándolles radiación, o que permitiu descubrir a presencia de varios receptores como o β-adrenérgico.

Pero o gran logro desta investigación chegaría en 1980, xa coa presenza de Kobilka, cando conseguiron illar o xene encargado de codificar o receptor β-adrenérgico.

Cando examinaron o xene descubriron que funcionaba dunha maneira semellante a un receptor do ollo que capta a luz, déronse conta así de que existen toda unha familia de receptores que actúan de maneira semellante: os coñecidos actualmente como receptores acoplados ás proteínas G.

Actualmente sábese que no corpo humano hai miles de receptores deste tipo, que están implicados nunha gran cantidade de procesos fisiolóxicos e que teñen unha importante función dentro dos órganos dos sentidos.