Monte Siradella e A lanzada

5 Xaneiro 2011
Siradella 1º ESO 2011

Unha ruta circular no concello do Grove que discorre en parte polo espazo Natural Complexo Intermareal Umia-O Grove, A Lanzada, Lagoa Bodeira e Punta Carreirón, protexido como LIC, ZEPA e Humidal Ramsar.

Poderemos gozar de espléndidas panorámicas da ría de Arousa, e da costa da Lanzada e observar unha variada flora e fauna dunar e de monte, interesantes formas graníticas (penedos, pedras cabaleiras) e restos arqueolóxicos (asentamento castrexo do monte Siradella). Na parte alta atópase o centro de Interpretación da natureza do Espazo Natural.

Pódese facer en coche ou a pé desde A Lanzada.

COMO CHEGAR:

Para facer a ruta a pé (4 km) pódese deixar o vehículo na explanada que hai preto da rotonda do cruzamento da Lanzada e iniciar a ruta seguindo a estrada ata o acceso ás dunas fixas nun camiño pechado cunha barreira de madeira que continúa ata a parte alta do monte onde hai varios miradores e podemos visitar o Centro de Interpretación. A baixada faise polo outro lado pasando a carón da “Figueira do Meco”. Descendemos entre grandes penedos ata a duna remontante e logo collemos cara á esquerda para volver ao aparcamento. 

Para facela en coche pódese subir á Siradella desde a estrada do Grove a San Vicente e logo baixar pola que sae na Lanzada.

Siradella ruta