Monte Aloia
O Monte Aloia forma o extremo sur da Serra do Galiñeiro no concello de Tui (Pontevedra). Foi o primeiro Parque Natural protexido en Galicia.
A área protexida ten unha extensión de746 ha de monte cun relevo accidentado formado por granitos con alturas entre 80 e629 m. O punto máis alto é o Pico San Xiao. No Aloia nacen varios pequenos cursos de auga afluentes dos ríos Louro e Miño.
Un dos valores máis importantes deste espazo son as súas vistas sobre todo o territorio que o rodea: Gándaras de Budiño, Val do Miño, Serra do Galiñeiro... É unha importante área recreativa.
A vexetación do Monte Aloia é na súa maioría de plantación, destaca polo número de especies forestais e ornamentais alóctonas, algunhas monumentais como unha gran faia, un piñeiro de Monterrei e varios abetos, pradairos e eucaliptos.
En 1910 comezou a repoboación do monte con piñeiros e diferentes árbores exóticas (acacias, cedros, alciprestes, pinsapos, eucaliptos...). So conserva especies autóctonas illadas no entorno da ermida, nas beiras dos ríos e algúns exemplares entre o bosque de repoboación. Abonda a vexetación arbustiva de toxo, breixo, xesta e carpaza.
Nas beiras de ríos e regatos consérvanse amieiras, salgueiros, freixos, sanguiños, carballos, fentos, espadainas, violetas, esfagnos.
A fauna é a típica de monte: raposos, coellos, ourizos, perdices, miñatos comúns, lagarteiros... Nos ríos e regatos abondan os anfibios (limpafontes, ras) e os insectos (gaiteiros, libeliñas, patinadores, efémeras...). Nalgunhas áreas do parque e nos montes próximos viven vacas e cabalos en semiliberdade.
No Monte Aloia atopáronse restos arqueolóxicos como machados, muíños de man, cerámica... Conserva unha citanía, restos dun poboado prehistórico, e unha muralla ciclópea de1.250 mde lonxitude que rodea a meseta superior do pico San Xiao.
Arredor do monte cóntanse varias lendas. As máis coñecidas son a da cama de San Xiao onde non medra a herba, e que as égoas do monte Aloia son fecundadas polo vento.
Foi declarado Sitio Natural de Interese Nacional no 1935 e Parque Natural no 1978.
Pola súa condición de Parque Natural dispón dun Centro de Recepción de Visitantes, onde proporcionan información sobre a área, e itinerarios marcados para poder visitar os puntos máis interesantes. Para achegarno hai que coller un desvío en Tui ou desde a estrada Gondomar Tomiño.