Migracións cara ao norte

2 Febreiro 2013
arenques

Os impactos do cambio climático no océano Ártico están provocando unha gran migración de peixes cara ás latitudes máis altas, segundo os científicos que intentan contestar á pregunta de «que especies mariñas colonizarán o océano cando este se quede sen xeo».

O Congreso Internacional sobre o Ártico reuniu a centenares de científicos co obxectivo de que expoñan os seus coñecementos sobre os 2,8 millóns de km² de océano que ata agora permaneceron xeados pero que poden quedar totalmente libres de xeo dentro duns 20 anos. E co obxectivo de saber que pasará entón, quen colonizará esas augas, se haberá pesca nestas augas internacionais, etc.

A faixa mariña que rodea o núcleo do Ártico é un dos territorios pesqueiros máis produtivos do planeta, de onde procede o 20% do peixe que se consume no mundo. Sen embargo, o cambio climático está desprazando estas zonas cada vez máis ao norte. A calor que se acumula na atmosfera debido ao quentamento transfírese ao océano o que produce perdas de nutrientes nas baixas latitudes, en cambio as zonas do Norte absorben máis luz e máis nutrientes o que as fai máis produtivas.

Deste xeito, os científicos constataron un desprazamento cara o norte de especies comerciais como o rodaballo de Groenlandia, o bacallau ártico ou o arenque.

Como bromearon algúns científicos, será cuestión de tempo que as baleas acaben substituíndo aos osos polares.