Memoria do Cambio Climático

O peixe ballesta
3 Decembro 2010
peixe ballesta

O noso clima está cambiando e un exemplo máis é o que sucede co peixe porco ou peixe “ballesta”, unha especie característica de augas máis cálidas que antes so se vía de forma moi puntual e que nos últimos anos foi colonizando os nosos mares, pasando a se converter nunha especie comercial máis.

Falamos con José Ángel, Feijoo, mariñeiro de Cambados, quen nos contou as súas experiencias sobre este tema.

“Este peixe , coñecido tamén como peixe porco, comezou a aparecer  nas nosas rías dende ai algo máis dunha década. Ao principio comezaban a aparecer poucos exemplares, co  paso do tempo continuouse aumentando o número de exemplares e hoxe é un peixe moi capturado en artes como a dos miños que practica dentro da ría e tamén nas zonas afastadas da costa na que se captura mesturado co xurel. Non ten demanda comercial polo que cando se pesca é devolto ao mar.

Pero non é a única especie nova nas nosas rías, xa que outras, como o cabalón, que non se capturaban nesta zona, comezaron a aparecer pouco a pouco e hoxe é unha das especies que máis pescan.

Hai un par de invernos tamén empezouse a capturar unha especie procedente do estreito coñecida como xurel francés.

Outro caso é o do sargo que é un peixe que sempre houbo, pero agora incrementouse moito o número de capturas desta especie que ven a desovar procedente doutras zonas.

Resulta significativo a información que deste peixe aparece na “Guía de peixes de Galicia”, publicada no ano 1983 pola Editorial Galaxia. Nela pode lerse: “…En Galicia podemos achar exemplares illados ou en pequenos grupos, debido a que estes peixes pásanse as augas das nosas Rías pola consecuencia do cambio climático, o aumento das temperaturas no noso mar deu lugar a que animais como o peixe ballesta se puideran trasladar as nosas costas sen ningún problema”.

Un exemplar capturado en Laxe que medía 38 cms, resultou estraño para os pescadores máis vellos do lugar. Pola contra é moi abundante nas illas Cíes”.

 

PEIXE BALLESTA

Nome científico: Balistes carolinensis

Outros nomes: roncudo, peixe porco, pampo, escopeta, castañeta brava ...

peixe ballesta1

Características: corpo ovalado, alto e aplanado, recubero de placas óseas e rugosas coma un mosaico (dan sensación de ser pel sen escamas). A súa boca é pequena pero armada cuns fortes dentes; ten os labios grosos e carnosos. O orificio branquial é pequeno, e está sobre unha aleta pectoral. A primeira aleta dorsal ten tres espiñas en forma dun mecanismo de bloqueo para manter esta aleta elevada. A segunda aleta dorsal e a anal son case iguais con forma de triángulo grande. A aleta caudal ten forma de media lúa. A cor varia  entre gris azulado e gris verdoso. Pode chegar ata os 40 cm.

Hábitos: polo xeral solitario. Nada amodiño movendo con ondulacións as aletas anais e a segunda dorsal.

Forma de pesca: é doado de capturar debido a súa curiosidade e agresividade. Hai que ter coidado cos seus dentes dado que ten o malo costume de morder e non soltar. Se están en grupo e colles un e posible que os demais te rodeen.