A materia escura, unha ilusión?

3 Maio 2012
mat escura

Dende que apareceron as hipótesis da materia e a enerxía escura moitas ideas trataron de explicar os seus supostos efectos como algún tipo de ilusión provocada por outros fenómenos, negando así a súa existencia.

Recentemente Dragan Hajdukovic, do CERN, propuso que a materia escura non sería máis que unha ilusión. A idea da materia escura xa se propuxo nos anos trinta do pasado século ao tratar de explicar a velocidade das estrelas das galaxias espirais. Dende aquela tentouse dotar dunha natureza a esa suposta materia escura. Unha das explicacións favoritas é a existencia de partículas elementais fora do modelo estándar. Pero, de momento, esas partículas seguen sen ser detectadas con claridade.

Hajdukovic propón no seu lugar unha polarización gravitacional do baleiro para explicar os efectos atribuídos a esa materia escura. O baleiro cuántico non está realmente baleiro e sempre contén un mar de partículas e antipartículas virtuais que aparecen e desaparecen constantemente. Aínda que, algunhas veces, os cálculos da Teoría Cuántica de Campos sobre este baleiro non dan valores compatibles coa realidade. Outro factor que aínda non se conseguíu saber é se a antimateria compórtase fronte ó campo gravitatorio da mesma maneira que a materia. Algunhas ideas apuntan a que as antipartículas terían unha “carga gravitatoria” oposta ás das partículas. De este xeito as partículas e antipartículas repeleríanse gravitatoriamente.

Hajdukovic explora esta última idea para realizar un estudio teórico no que as partículas e antipartículas virtuais do baleiro formarían dipolos gravitatorios de maneira similar aos dipolos eléctricos. Como consecuencia o campo exterior e o producido polos dipolos súmanse dando lugar a un campo eléctrico maior.

Se Hajdukovic está no certo, os dipolos gravitatorios virtuais orientaríanse en presenza dun campo gravitatorio.

Aínda que a nova teoría non parece explicar o efecto atribuido á materia escura nalgúns cúmulos de galaxias, nos cales parece que hai unha separación espacial entre a materia ordinaria e escura.

Dentro de poucos anos teremos os primeiros experimentos gravitatorios con antihidróxeno no CERN, así que é de esperar que a base desta idea poida ser refutada ou confirmada.