Levantarse e camiñar
Un equipo internacional de científicos, liderados dende a Escola Politécnica Federal de Lausana (EPFL) en Suiza, creou un dispositivo ao que bautizaron como ‘duramadre electrónica’ (e-Dura). Trátase dun dispositivo flexible e elástico que se pode implantar na médula espiñal para estimulala, eléctrica e quimicamente, sen causar fricción nin dano tisular.
Esta prótese está baseada nunha das técnicas que axudan a tratar as lesiones na médula e que consiste en colocar un dispositivo electroestimulador baixo a duramáter, isto é, a envoltura que protexe o sistema nervoso. A diferenza atópase en que a maioría destas próteses son ríxidas e rozan co tecido nervoso cando se move, causando inflamación, cicatrices e rexeitamento ás poucas semanas, mentres que esta conta coas mesmas propiedades mecánicas que a propia duramáter permitindo deste xeito que permaneza durante moito tempo na médula espiñal ou a codia cerebral.
Este implante foi probado con ratas paralíticas e os roedores conseguiron volver a camiñar despois dun período de adestramento. Os investigadores confirmaron que transcorridos dous meses non se detecta ningún rexeite, e calculan que o dispositivo podería funcionar case 10 anos nun paciente humano. Isto abre novas posibilidades terapéuticas para os pacientes que sufriron traumatismos ou trastornos neurolóxicos, especialmente para aqueles que quedaron paralizados tras unha lesión medular.
Segundo os autores, o potencial de aplicación dos novos implantes é enorme, xa que tamén podería axudar nos tratamentos de epilepsia, Parkinson e a terapia contra a dor. Ademais, o equipo ten previsto realizar ensaios clínicos en seres humanos, e xa se está a preparar o prototipo para a súa comercialización.
Con respecto aos materiais utilizados, a prótese está fabricada cun substrato transparente de silicio no que se embeben os elementos electrónicos e químicos que estimulan a médula espiñal onde se lesionou. En concreto, inclúe liñas conductoras de ouro agretado e electrodos con ‘micropérolas’, o que facilita a elasticidade do material, así como microcanles por onde flúen fármacos neurotransmisores que reaniman as células nervosas.
En conxunto, trátase dun dispositivo tan flexible como un tecido vivo que se amolda ben ao sistema nervoso, polo que os riscos de rexeitamento redúcense case por completo. Ademais, o implante pódese usar para monitorizar os impulsos eléctricos do cerebro en tempo real, de tal xeito que os científicos podían averiguar con moita precisión a intención de movemento dos ratos antes de que o executaran.