Innovando en catalizadores
Unha recente investigación levada a cabo por un grupo de científicos xaponeses podería contribuír á redución dos combustibles fósiles e á propulsión das enerxías renovables, tan necesarias nestes tempos que corren.
Estes investigadores, copiando o modelo das hidroxenasas, que son uns encimas que usan algúns organismos para activar o hidróxeno, crearon unha molécula con papel catalizador. Trátase dunha molécula baseada en ferro e níquel que funciona a temperatura e presión ambientais. A súa estrutura está inspirada, como se dixo antes, na das hidroxenasas de níquel-ferro, uns encimas naturais cos que algúns microorganismos, como algas e bacterias, fraccionan o hidróxeno liberando electróns.
Os químicos levan décadas intentando descubrir o segredo destes encimas tan eficaces. O primeiro avance neste ámbito chegou no ano 2007 cando por primeira vez se logrou copiar o traballo destas hidroxenas mediante un composto de níquel e rutenio, este último un elemento altamente caro. O que se levou a cabo agora foi unha substitución do rutenio por ferro, facendo posible que o catalizador fose 4 mil veces máis barato, polo tanto máis asequible e con máis probabilidades de saír adiante.
Producir electricidade dunha maneira máis limpa para o medio ambiente e a un prezo razoable é un dos obxectivos deste novo catalizador de hidróxeno. Este elemento, que se pode obter facilmente a partir da auga, ten un potencial enorme para xerar e almacenar enerxía, polo que o reto estaría en sacar esa enerxía das moléculas de hidróxeno e aproveitala para dito obxectivo. Este avance sería un paso elemental na substitución de combustibles fósiles por fontes de enerxía renovables, neste caso incluso máis barata, pero igualmente eficiente.