Inimigo silenzoso

Novo accidente nunha mina de carbón
4 Novembro 2013
mineiros

O pasado 28 de outubro seis mineiros morreron e outros cinco resultaron feridos por un escape de gas “grisú” nunha mina de carbón en Santa Lucía (León).

O “grisú” é o resultado da mestura de aire e de emanacións de gas metano que se desprenden do carbón. Para que sexa explosiva, esta mestura, precisa que a concentración de metano alcance proporcións entre o 5% e o 14%, e require ademais a presenza dunha fonte de calor. Unha elevada concentración, ben por emanación lenta ou por un desprendemento súbito, causa asfixia.

A presenza de gas metano (“grisú” na xerga mineira) é unha das peculiaridades máis perigosas dalgúns dos depósitos hulleiros españois, e fai destas explotacións as máis difíciles, perigosas e custosas da minaría europea, xunto á estreiteza e verticalidade das capas de mineral. As emanacións de gas asociado ao carbón e, en ocasións, as súas explosións, foron, xunto aos desprendementos de mineral (“derrabes”) e o afundimento de talleres e tallos (quebras), tres das causas máis recorrentes dos grandes desastres na minaría carboeira.

Estes perigos, xunto á silicose (a enfermidade respiratoria e pulmonar crónica habitual dos mineiros de carbón), foron as principais causas de mortalidade nunha actividade cunha longa historia de catástrofes e unha elevada taxa de sinistralidade.

Antes, o sistema de detección era a famosa gaiola cun xílgaro cuxa morte era o aviso de que había que abandonar a mina de forma precipitada. Hoxe as explotacións están dotadas de sistemas fixos e estáticos de medición e algúns mineiros portan consigo medidores móbiles mentres realizan as súas tarefas. Uns e outros emiten advertencias luminosas ou acústicas, segundo os casos. As minas actuais contan, ademais, con poderosos sistemas de ventilación.