Iguais non, semellantes

29 Maio 2013
xemelgos

Como ben din as nais, “non somos todos iguais”. E efectivamente, neste mundo todos somos distintos, incluso os xemelgos idénticos, que a pesar de ser fisicamente iguais as súas características psicolóxicas son moi diferentes.

Un estudo en ratos, explicou como as experiencias persoais e o comportamento de cada individuo contribúe á individualización do cerebro. Utilizáronse 40 ratos xeneticamente idénticos que naceron e medraron no mesmo ambiente onde tiñan unha gran variedade de actividades para elixir. Deste xeito, cada un deles foi adquirindo as súas propias experiencias e acadando comportamentos individuais distintos ós dos seus compañeiros.
A xeración de novas neuronas no hipocampo, permite que o cerebro reaccione á nova información con flexibilidade. O cerebro, que non para de desenvolverse nunca, sofre cambios relacionados coa personalidade e coa conduta que contribúen á súa individualización. Deste xeito, a experiencia inflúe no envellecemento da mente humana e un ambiente enriquecido fomenta o desenvolvemento da individualidade.

Por iso, aínda que os xemelgos idénticos sexan fisicamente iguais, o seu comportamento é moi diferente porque cada un ten a súa forma de ver o mundo.