Hórreos, piornos, cabazos...

Os hórreos galegos, unha solución axeitada ao entorno
3 Maio 2012
hórreo

Dende hai xeracións os agricultores galegos sabían o que facían cando almacenaban o millo nos hórreos para conservar o gran e obter o mellor rendemento. Un conxunto de investigadores da Misión Biolóxica de Galicia (CSIC) deu validez a este método de conservación.
A finalidade do estudo destes era demostrar a viabilidade da produción de millo galego para o consumo humano (principalmente na produción de fariña) e chamar a atención sobre unha tradición que se está perdendo e a cal podería ser economicamente rentable coa introdución dunha serie de melloras técnicas.
Os hórreos son construcións que se utilizan para gardar principalmente millo, protexelo dos roedores e permitir o seu secado natural. Todos están situados en lugares altos, aireados e ben ventilados, así como orientados para protexerse da chuvia.
Ao longo da historia foron moi importantes para a subsistencia das familias labregas.
En toda Galicia existen variedades de hórreos moi diferentes segundo os materiais propios de cada zona, o que produce unha gran diversidade de formas e detalles. Tamén son moitas as palabras para nomeals: hórreo, piorno, cabazo, canastro, cabaceiro...