A historia negra do “Prestige”

Dez anos despois
15 Decembro 2012
mascato Prestige

O trece de novembro, hai dez anos, aparecían nos xornais as primeiras informacións do accidente dun petroleiro, cargado con 77.000 toneladas de fuel, fronte ás costas de Fisterra o que orixina un verquido que comeza a chegar á costa o día 16.

Eu, como moita outra xente que estabamos ao día en temas de medio ambiente, pensei en que de novo Galicia íase ver afectada por unha marea negra. Seguiamos con gran interese a prensa e os informativos da TV e viamos como xogaban co barco movéndoo de aquí para alá mentres ía deixando tras de sí un regueiro de “chapapote”. Asistíamos perplexos a unha locura, semellaba que todo o mundo sabía o que facer co barco menos os responsables da súa xestión. E ao fin, como era visto, o 19 partiu ao medio e foi ao fondo. Deixou no camiño unhas 12.000 tn de fuel e dentro das súas adegas quedaban aínda 66.000 tn máis que irían saíndo durante meses.

O 3 de decembro o fuel chegou á boca da nosa ría e mobilizou ás xentes do mar que, impotentes,  saíron durante días a recollelo como puideron, coas mans, cos aparellos dos barcos ou con ferramentas improvisadas. Sorte houbo que o vento axudou un pouco.

O fuel seguiu chegando e estendéndose durante meses emporcando tamén as costas cantábricas ata Francia.

O naufraxio do petroleiro “Prestige” ocasionou a maior catástrofe ambiental sufrida por Galicia e unha das maiores da historia da humanidade, non tanto pola cantidade de hidrocarburos verquidos senón polos enormes efectos ecolóxicos, económicos e sociais que provocou. Pola extensión da área afectada desde Portugal ata Francia, pola permanencia do verquido no tempo, pola alta dependencia económica que ten a poboación galega do mar e pola gran cantidade de espazos naturais de interese afectados polo fuel e polos traballos da súa retirada.

Dez anos despois, aparentemente, o litoral está recuperado e quedan poucas pegadas visibles deste amargo suceso.

Pero esta catástrofe deixou unha experiencia nova na sociedade galega: a reacción da xente para defender o mar, a solidariedade das persoas de moitas partes do estado e de fóra, especialmente a mocidade, que viñeron traballar como voluntarios e voluntarias, as mareas de persoas que esixían solucións baixo o lema “NUNCA MÁIS” e o convencimento de que as nosas costas están en permanente perigo. As ensinanzas aprendidas con este suceso non deben ser esquecidas porque o problema pode repetirse e seguimos sen dipoñer de medios suficientes e eficaces para enfrontarnos a el.

Por iso compre que os que o vivimos fagamos memoria e llo amosemos aos que non o coñeceron para que nunca máis volva a suceder.

Xunto dúas presentacións feitas no ano 2013