Historia da conserva. Cambados

9 Abril 2013
conserva-

Foto Sarabia, ca. 1925

A industria conserveira de peixe e de marisco e a súa  predecesora, a salgadura, tiveron na vila de Cambados unha gran relevancia.

Durante boa parte do S XX a actividade económica da vila estivo en gran medida en función da industria conserveira dado o poder dinamizador desta e a abundante man de obra que empregaba, a lo menos nos primeiros tempos.

Esta preponderancia das conserveiras trouxo tamén consecuencias sociais como, por exemplo, a incorporación da muller ó traballo nas fábricas nun momento no que esa actividade era case exclusivamente masculina.

Tamén é importante destacar as pegadas que as fábricas da conserva deixaron na evolución urbanística da vila dada a súa localización predominantemente litoral e que, dalgunha maneira, condicionou o modo de medre de Cambados.

EVOLUCIÓN DA CONSERVA NO S XIX

A historia da industria conserveira de peixe e marisco, tan importante en Cambados, é tamén a historia do S XX. Sen embargo, haberá que remitirse ó S XIX para facer unha breve referencia ó nacemento desta actividade.

A conservación tradicional dos peixes facíase a base de salgadura, afumado, secado, en escabeche... o que retardaba a súa putrefacción.

conserva-3

Conservas Otero, ca. 1970

A conservación de alimentos de forma ilimitada non se logrou ata que Napoleón, preocupado polo abastecemento do seu exército, convocara un concurso de ideas para conseguir unha mellor e más longa conservación daqueles. O concurso foi gañado por Nicolás Appert en 1810; o seu método consistía na coción dos alimentos por calor e a súa conservación en botes de vidro hermeticamente pechados. Ese mesmo ano, Peter Durand patentaba un envase de folla de lata.

Foi en Nantes (Francia) onde se xuntaron as dúas innovacións e onde se enlataron os primeiros peixes, en concreto sardiñas. Era o ano 1822. Acababan de nacer os alimentos enlatados, o que suporá un gran avance na alimentación humana.

A partir de ahí, esténdense por toda Europa costeira, fundamentalmente atlántica, pequenos establecementos, artesanais case, escasamente mecanizados nos que se envasan tanto en lata como en vidro gran variedade de produtos pero nos que destaca, con moito, a sardiña.

En Arousa, hai constancia da instalación deses pequenos obradoiros. En concreto, en Vilagarcía (en 1866), na Pobra do Caramiñal (en 1875) e en Vilanova de Arousa (en 1879).

A partir de 1880 Nantes, a principal produtora de conserva de peixe, entra en crise. A escaseza de sardiña nas costas bretonas (feito que sucede cíclicamente nesta especie) fai que os empresarios franceses cheguen a Galicia. Achegarán capital, maquinaria e técnicas, e aproveitarán a magnífica materia prima galega, a sardina.

Seguindo o exemplo dos bretóns, e contando ca abundancia da sardina e cos baixos salarios, os empresarios galegos animaránse a montar fábricas de conservas. Nace así a primeira fábrica. Será en 1879, na Illa de Arousa, e promovida por Juan Goday Gual. O seu exemplo cunde e ábrense rapidamente outras fábricas en Galicia. Nestas novas factorías, os distintos procesos de produción xa estaban claramente diferenciados e separados.

conserva-1

Sen embargo, a presenza destas fábricas  na comarca de Arousa (e máis concretamente en Cambados) é máis feble que noutras. A causa pode estar na utilización de artes de pesca tradicionais, menos intensivas, e, polo tanto, co resultado de menores capturas. Este suposto apego ás artes tradicionais (p.e. o xeito) pode derivar da escaseza de capital para adoptar as innovacións (sobre todo o cerco de xareta e a súa embarcación ideal, a traiña). Xa no S XVIII fálase de Cambados polos conflictos que xurdían entre os pescadores que usaban as artes tradicionais e os que empregaban as novas artes introducidas polos cataláns, dedicados á salgadura e comercialización da sardiña. Sen embargo, outros autores aducen a razón contraria; é dicir, ó non haber actividade transformadora, mantéñense máis tempo as artes tradicionais.

Curiosamente, o porto de Cambados tiña gran movemento de peixe e de marisco que era levado rapidamente por estrada á estación de ferrocarril de Vilagarcía. Por tanto, cabería pensar que debería haberse beneficiado das boas comunicacións tanto para o abastecemento de aceite de oliva, folla de lata... como para comercializar o producto xa elaborado en forma de conserva.

Sexa como sexa, no ano 1907 hai constancia da existencia en Arousa de 7 fábricas de conserva en Vilagarcía e de 14 na Pobra do Caramiñal, que conviven cos obradoiros adicados ó escabeche e ó salgazón.

No caso concreto de Cambados, en 1891 Aniceto Vidal Gayoso, procurador, en nome de Cándido Carreró Mascato, veciño de San Vicente de O Grove, pide permiso no Concello para construir casa e fábrica de salgazón na rúa de San Gregorio con frente á ribeira do mar.

Os seus produtos comercializábanse baixo o nome de “La Pastora”.

Foi durante tempo a única fábrica de conservas de Cambados ata que un incendio destruíu as súas instalacións en 1905. Pechou definitivamente en 1907 acuciada pola creba económica.

Dende a desaparición da fábrica de Carreró ata 1934 non hai constancia en Cambados da instalación de ninguna fábrica de conservas. Pode explicar este baleiro a crise que a sardiña sufríu nas costas galegas.

Hai que ter en conta que a sardiña era o produto máis usado, con moito, na industria conserveira. A súa gran cantidade, xa que é gregaria e xúntase en grandes bancos, e a súa perfecta adaptación á conservación en lata son os seus aspectos máis positivos. Sen embargo, como vemos no primeiro tercio do S XX, é unha especie que non sempre abunda de forma que, ás veces, as capturas eran moi escasas o que repercutía moito no seu encarecemento.

A crise da sardiña tratou de sobrelevarse mellor pola industria conserveira diversificando no posible a produción; comeza así a ter certa relevancia o enlatado de espadín, anchoa, atún e xurelo.

conserva-5

Outro contratempo para a instalación de conserveiras é a consecuencia do crac do29. Aexportación, obxectivo fundamental da producción, decae notoriamente e só moi lentamente é substituída polo mercado nacional.

Máis ou menos superadas estas dificultades, a década dos anos 30 é o momento de arranque definitivo en Galicia das conserveiras,  modernas e competitivas. Actúan, ademais, de locomotora da economía da localidade onde se ubican pola variedade de actividades que traballan para ela: estaleiros, pesca, marisqueo, industria metalúrxica, redeiras...

As décadas de 1930 e 1940 son a época dourada da  conserva en Cambados a xulgar polo  número de fábricas que se fundan nese momento. Algunhas delas aínda seguen en funcionamento e outras desapareceron hai pouco tempo.

En 1934, Amador Mouriño Villaverde, presidente da Sociedade Cultural, constrúe unha fábrica de conservas na rúa do Muelle (actual Avenida de Galicia). Posteriormente, en 1964, pasará ás mans de Silverio Galbán baixo o nome de Conservas Galbán que conservará aínda cando sexa logo comprada por Conservas Otero.

En 1935, Montero Rivas establece unha fábrica tamén na rúa do Muelle, ó lado de conservas Galbán. Nace baixo o nome de “La Cambadesa” que despois cambiou polo de Conservas Alasá.

Un ano máis tarde, 1936, José Peña Oubiña solicita licencia para construir unha vivenda no Brexo, onde tamén instala unha fábrica de conservas.

1935 e 1936 son anos nos que o precio da sardiña era moi baixo dada a gran abundancia de capturas.

Pero 1936 é tamén o ano no que se declara a Guerra Civil. Isto supón un parón na modernización das conserveiras. A Guerra e a posterior política de autarquía imponen as súas condicións.

A rápida pertenza de Galicia á zona nacional convertíuna en provedora de alimentos. Polo tanto, foi o período da Guerra de gran produción, favorecida sobre todo pola demanda do exército e tamén pola xa citada abundancia de sardiña neses anos.

Sen embargo, a posguerra trouxo unha recesión; a produción diminuíu froito da política de cupos, pola baixada da demanda estranxeira (o réxime de Franco estaba illado) e pola dificultade de abastecerse de certas materias primas (sobre todo de folla de lata).

Foi esta unha etapa bastante mediocre xa que se ben o sistema da cupos aseguraba certa produción, isto non fomentaba as innovacións nin a calidade.

Xunto con isto, chegou de novo un período de escaseza de sardiña, co que o recurso xeneralizado foi a diversificación da produción (mexillón, bonito, atún...).

conserva-6

A década dos 40 é tamén prolífica na instalación de conserveiras na localidade de Cambados. Así, en 1941 nace Conservas Daporta, a orillas do Umia e da ponte da Barca, nas aforas do casco urbano. Este emplazamento continúa manténdoo na actualidade.

En 1943, de novo José Peña Oubiña solicita licencia para construir unha fábrica de conservas no Borrón. Estivo funcionando ata 1995, ano no que pechou.

En 1945, Helena Otero Santorum, casada con Serafín Otero Suárez, pide permiso para ampliar a fábrica de conservas Otero (da cal non temos constancia da súa creación) sita na Alameda de San Tomé.

A liberalización da economía española a partir de 1959 supuxo a posibilidade de modernización das conserveiras, que terá unha gran repercusión no proceso de produción. Éste se automatiza, se introducen novas máquinas moi específicas así como tamén cámaras frigoríficas que permitirán ata certo punto prescindir da estacionalidade das capturas e, por tanto, da produción. En definitiva, o proceso é máis rápido e barato.

É tamén nos anos 60 cando a sardiña deixa definitivamente o primeiro posto a outros productos como o mexillón e, sobre todo, o bonito e máis aínda, o atún. Pese a este período de bonanza, ou quizáis por iso, a industria conservería predominante é a de pequeno tamaño, de carácter familiar e cunha producción baixa.

Estas características, xerais en toda Galicia, xunto con negativas circunstancias (entre outras, a deficiente comercialización, os elevados costes de produción, os efectos da adulteración do aceite de colza) fixeron que das 373 empresas que había en 1980 se pasara en 1982  a 217.

O último apartado a suliñar nesta breve historia das conserveiras en Cambados (estendible groso modo a toda Galicia) é a partir da entrada de España na denominada entón Comunidade Económica Europea, no ano 1986. Isto trouxo consigo dificultades para o sector pero que foron compensadas co aumento do mercado para a súa produción.

De todas formas, o incremento dos produtos ofertados, os problemas cada vez maiores de abastecemento de peixe e de marisco, a necesidade de innovación (p.e. o sistema abre fácil) esixíu un moi elevado investimento.

Así, nos últimos anos do século XX a industria conserveira en xeral evoluciona moi rapidamente. Para facer fronte a unha serie de múltiples e importantes dificultades como o esgotamento dos caladoiros propios, a elevada frecuencia das mareas vermellas, a necesidade de facer paradas biolóxicas, as empresas conserveiras teñen a necesidade de importar peixe e marisco (xa sexa fresco ou conxelado).

Varias son as repercusións que aque traen estas dificultades. Unha delas é a necesidade dunha maior capitalización das empresas para poder facer fronte ós novos retos de incremento da produción e de innovación tecnolóxica. Para iso, houbo fábricas que foron absorbidas por grupos empresariais de maior calibre, perdendo así o seu tradicional carácter familiar.

En Cambados, é o caso de Conservas Otero, que pasou a formar parte dun grupo chamado Alimentos Arosa no ano 2001 e que ten as súas novas instalacións no polígono de Sete Pías, na parroquia de Oubiña  deste concello dende 2005.

Outras, incluso despois de intentar novas aventuras empresariais, houberon de pechar as súas portas. É o caso de Conservas Peña que, despois de ser comprada polo grupo industrial de Fernández Tapias en 1993, pasou en2005 aInversiones Louredo, sociedade formada por empresarios galegos.

Sen embargo, para algunhas empresas queda aínda un recurso como é adicarse a unha conserva de gran calidade, ó gusto de consumidores moi esixentes. A produción é ó xeito artesanal e, por tanto, moi reducida, e o custo é elevado pero o sibaritismo ten os seus seguidores. O exemplo é o das Conservas Ramón Peña, ó cargo dun neto do pioneiro José Peña. Está situada no polígono industrial do Salnés, no veciño concello de Ribadumia.

conserva-2

Outra repercusión é que a maioría das fábricas de conserva que subsisten cambiaron de ubicación. Ó non depender como antes da pesca de baixura de forma determinante permítelles acceder ás instalacións dos recentes polígonos industriais promovidos polos concellos. Así, benefícianse de certas vantaxes, da súa infraestructura e das súas mellores comunicacións con respecto ó emprazamento tradicional nas proximidades dos peiraos.

En Cambados, só Conservas Daporta, nas proximidades do casco urbano, conserva a súa primitiva localización.

Naturalmente, este proceso leva consigo o abandono das instalacións fabrís de sempre, co que se abre toda unha serie de posibilidades de cara ó futuro deses terreos: recalificación como chan urbano, urbanización, espazo de uso público... A experiencia aconsella supoñer a próxima urbanización deses espazos tan cobizados hoxe pola súa proximidade ó mar.

En definitiva, a conclusión á que chegamos é que a industria conserveira en Cambados perdeu o posto preminente que desempeñou durante boa parte do século XX. Actualmente, son as actividades relacionadas co cultivo da vide e a súa transformación en viño albariño as que tomaron o relevo.

 

BIBLIOGRAFÍA

ALFEIRÁN RODRÍGUEZ, X. E ROMERO MASIÁ, A. Salgadeiras e conserveiras de pescado en Galicia. Evolución histórica e o traballo das mulleres. Federación de Alimentación, Bebidas e Tabacos de Galicia U.G.T. 2000

conserva-7

CAAMAÑO BOURNACELL, J. Cambados y el valle de Salnés. Guía histórico-turística. Madrid. 1957

CAAMAÑO BOURNACELL, J. Estampas de Cambados. 1953

FALCÓN CHAVES, M. D. Así foi Cambados. Séc.XVIII, XIX e XX. Pontevedra. Revista de Estudios Provinciais. Nº 8-9

O mar en Cambados. Historia. Confraría de Pescadores. Cambados. 2001          

EREIRA, D. Apuntes para unha historia pesqueira de Cambados (1880-1940). Inédito. Cambados, 1991

PEREIRA, D. As guerras da sardiña na ría de Arousa. Inédito. Cambados, 1992