As heroínas de Sálvora

3 Xaneiro 2012
As heroínas de Sálvora

O 1 de xaneiro cumplíronse noventa anos do naufraxío na ría de Arousa do buque Santa Isabel e do rescate heroico protagonizado por tres mulleres coñecidas como as “heroínas de Sálvora”.

Josefa Parada, Cipriana Oujo Maneiro e María Fernández Oujo foron tres mulleres que fixeron historia cando, en pleno inverno do ano 1921, decidiron desafiar a un mar revolto e dirixiron o rescate dos náufragos do buque correo Santa Isabel, que se afundiu nas inmediacións da illa de Sálvora.

O buque saíra de Cádiz o 20 de decembro de 1921 e fixo escalas en Vigo, Bilbao, Santander e A Coruña. Levaba 187 pasaxeiros, ademáis da tripulación. Despois de pasar o ano novo na Coruña partiu cara a Vilagarcía de Arousa onde os pasaxeiros tiñan previsto embarcar no vapor Reina Victoria Eugenia, que se dirixiría a Uruguai e Arxentina. E no camiño, o un de xaneiro, foi sorprendido por un forte temporal. O capitán acordou acollerse na ría de Arousa, pero o temporal botou ao barco sobre as rochas de Pegar, a200 m das costas da illa de Sálvora, e afundiu rapidamente.

Santa Isabel

A maioría dos habitantes de Sálvora estaban en Ribeira para festexar o Ano Novo e na aldea apenas quedaban 25 persoas, a maioría anciáns, mulleres e nenos. Cun temporal terrible tres dornas saíron ao rescate. Nunha viaxaban José Parada, Manuel Caneda e Francisco Oujo; noutra, Josefa Parada, Cipriana Oujo e María Fernández; e á terceira subíronse José Oujo e Cipriana Crujeiras. A dorna tripulada polas mulleres fixo varias viaxes levando aos náufragos ata a illa e conseguiu rescatar a máis de cincuenta persoas.

Houbo 214 vítimas, entre mortos e desaparecidos. Só se salvaron 27 tripulantes e 29 pasaxeiros.