Un grupo do Asorey gaña un Concurso de Robótica
O Luns 25 de Febreiro un grupo de alumnos/as e profesores do I.E.S Francisco Asorey fumos á Coruña a participar no V Concurso de Robótica, na sede da Fundación Barrié.
Todas as actividades que tivemos que realizar estaban relacionadas coa robótica polo que antes de comezar déronnos una breve explicación de como traballar co robot e co programa informático mediante o cal lle dabamos as instrucións ó noso robot. Unha vez rematada esta explicación tivemos que desprazarnos a outra sala na que realizamos unha serie de practicas coa axuda das persoas asignadas pola fundación.
Despois dun tempo realizando prácticas tivemos que desprazarnos de novo de sala para, agora xa, comezar co concurso. A cada grupo de rapaces dábannos unas follas nas que se atopaban todos os retos que tiñamos que superar co noso robot e a puntuación que conseguiriamos coa superación de cada un.
Cando nos dixeron que xa estabamos preparados para comezar as probas, os que nunca trataramos con robots, puxémonos moi nervosos xa que pensabamos que non íamos facer nada, pero as primeiras probas foron moi sinxelas e conseguimos facelas.
Antes de comezar coas probas tiñamos que poñerlle os distintos sensores ó robot no lugar adecuado e no porto adecuado para que funcionase, e despois comezamos coas probas.
A cada proba a dificultade aumentaba, así como a puntuación que che daban se a completabas. Nas primeiras mandaban xeralmente que fose cara adiante unha distancia determinada, que parase ó detectar certa intensidade de luz, que fose cara atrás, que falase, etc. Pero ás seguintes probas xa pedían bucles, diferentes tipos de rotacións, lóxicas de diferentes tipos... E custaba máis facelas, aínda que ás veces algún profesor nos botaba unha man.
Ó ter un tempo determinado non puidemos rematar todas as probas pero un equipo da nosa clase fixo unha gran puntuación e gañou o primeiro premio deste concurso galego de robótica para o ensino secundario; premio que se asigna ao centro que representan.
Artigo da TVG http://www.crtvg.es/informativos/escolares-de-cambados-ganan-un-concurso-de-robotica-543245