Gravity

28 Marzo 2014
Gravity

O fílme “Gravity”, nominado dez veces a Oscar e gañador de sete, mostra cunha gran veracidade como é levitar en gravidade cero e o belo que resulta contemplar a Terra dende aí fora. Alfonso Cuarón, director da película, permite ó espectador a oportunidade de ver cós propios ollos como é realmente a vida cósmica. Isto conseguiuse de forma tan real que ata o propio Buzz Aldrin (segundo home en pisar a Lúa) confesou o admirado que quedou tras ver o filme.

Ademais de tratarse dunha película de asombrosos efectos especiais, serve como método de concienciación acerca do traballo e esforzo que supón pasar meses fora do planeta Terra. Se a todo ese sacrificio muscular que teñen que sufrir sumámoslle o perigo que supoñen milleiros de anacos de lixo espacial en órbita coa Terra, poderíamos dicir que é un dos traballos de máis alto risco que hai. O lixo espacial é una ameaza real que impide traballar con toda a seguridade e da cal non se fai cargo ninguén.

O filme representa moi ben as imaxes dun equipo de astronautas loitando por sobrevivir á cantidade de anacos letais de metal que se dirixen cara a  eles. O director conseguiu transmitir con total perfección a vértixe que se sinte ao dar voltas sen rumbo e sen fin polo espazo adiante. Ademais, estruturas míticas como o telescopio Hubble ou a Estación Espacial Internacional están reproducidas identicamente ata o máis mínimo detalle.

Gravity1

Por outra banda, os papeis interpretados por Sandra Bullock e George Clooney permiten ó espectador meterse a fondo na película, ademais de percibir a angustia que sinte a doutora Stone ao non ser capaz de controlar a frustración da situación de estar dando voltas  pola ‘nada’ sen lugar onde apoiarse e sen ninguén que a vexa ou a escoite.

O custo da creación de Gravity chegou á cifra de 100 millóns de dólares os cales foron cuadriplicados en beneficios conseguidos pola súa taquilla. A película foi rodada case todo o tempo nun tipo de habitación de 6 metros de alto e 3 de longo. Isto producía unha sensación de claustrofobia na actriz protagonista que lle axudaba a meterse por completo no papel. Con ela non había ninguén, só se podía comunicar coa voz que lle falaba polo “pinganillo” que levaba. Isto axudouna a transmitir mellor o medo que supón estar soa no espazo.